Os Estados membros da ONU adoptaron en 2015 os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible co fin de erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas nun prazo de quince anos, de aí que tamén se lles coñeza como Axenda 2030.
Os ODS incorporan metas relativas á loita contra a fame, o acceso á saúde e a educación, a igualdade de xénero ou o coidado do planeta. Todas elas inclúen indicadores que entroncan coas competencias locais, por iso as administracións locais teñen un papel chave na súa consecución. Deste xeito, os gobernos municipais poden tomar medidas para acadar os ODS na contorna, aliñando as súas políticas coa Axenda 2030, e tamén poden contribuír á súa consecución nos lugares máis desfavorecidos a través da cooperación internacional e da participación en redes coma o Fondo Galego.
Actividades
O Fondo Galego vén realizando desde 2017 diversos foros e intercambios para promover a localización da Axenda 2030, achegando exemplos de boas prácticas do panorama internacional que resulten inspiradores para os municipios galegos. En paralelo, impulsou a elaboración de plans municipais para a implementación dos ODS en trece concellos, canda a súa correspondente diagnose previa.
Incidiuse así mesmo na formación, tanto con cursos online como presenciais, que xa permitiron a máis de 200 autoridades locais, funcionariado e asociacións achegarse ao proceso de territorialización da Axenda 2030. Ao tempo, impulsáronse múltiples actividades para divulgar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, como concursos de murais, unha exposición de viñetas ou un percorrido virtual.
O percorrido virtual ‘Os ODS son glocais’, creado no marco do proxecto europeo People & Planet, permítenos conectar diferentes puntos de nove vilas galegas con cadanseu ODS, vinculando así os obxectivos globais coa realidade local. Os concellos de Bergondo, Boiro, Burela, Cabanas, Guitiriz, Pontedeume, Rianxo, Valga e Verín participan nesta iniciativa, que pode experimentarse con lentes de RV ou ben a través do móbil entrando na plataforma ods.fondogalego.gal. Tamén se pode entrar a través dos códigos QR colocados en cada un dos puntos físicos, vinculados a temas como educación, igualdade, acceso á auga, consumo responsable ou acción polo clima.



