O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha asociación sen ánimo de lucro integrada por administracións locais de Galicia unidas pola vontade común de contribuír á erradicación das desigualdades Norte-Sur, a través de proxectos de cooperación ao desenvolvemento con países empobrecidos e a sensibilización social en Galicia.
O Fondo Galego é un espazo transpartidario e plural, libre de personalismos políticos, inspirado pola vontade de consenso e pola idea de que a solidariedade e a cooperación internacional deben ser áreas de colaboración e non de confrontación.
Obxectivos
- Contribuír, desde as administracións locais galegas, ao desenvolvemento dos países e comunidades empobrecidas para promover cambios positivos e sostibles nas condicións de vida que contribúan á plena realización dos Dereitos Humanos Universais.
- Promover unhas administracións locais e unha cidadanía galega sensibilizadas, concienciadas e comprometidas coas políticas e accións de cooperación ao desenvolvemento, co obxecto de favorecer unha maior comprensión da realidade dos países empobrecidos, da necesidade dun compromiso ético na loita contra as desigualdades e a prol dunha maior equidade a nivel global.
- Promover e posibilitar que todas as administracións locais galegas poidan impulsar e/ou ser partícipes de accións e políticas de cooperación ao desenvolvemento, potenciando a coordinación das mesmas.
- Defender, reivindicar e visibilizar a cooperación ao desenvolvemento, especialmente a impulsada polas administracións locais galegas, ante todo tipo de organismos e institucións.
- Procurar que progresivamente as administracións locais galegas que formalicen o seu compromiso con políticas de cooperación ao desenvolvemento incrementen os seus respectivos orzamentos para este fin.
- Promover programas de voluntariado nacionais e/ou internacionais co obxecto de contribuír á solidariedade entre os pobos.
- Calquera outro obxectivo de similar natureza que non sexa contrario á normativa legal vixente en cada momento.
Orixe
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade naceu en 1997 como expresión institucional da crecente sensibilidade cidadá arredor das crises humanitarias, a pobreza mundial, catástrofes e guerras, grazas ao impulso do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), think tank de relacións internacionais centrado na promoción de Galicia no exterior, xunto a once concellos galegos (Allariz, Arteixo, O Carballiño, Corcubión, Culleredo, Fene, O Irixo, Moaña, Nigrán, Oleiros e Porto do Son) e ao apoio da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Xunta de Galicia, Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad e a Oficina de Información da ONU en Madrid.
Evolución
1992-1997
- Primeiras aproximacións teóricas ao fenómeno da cooperación descentralizada en Galicia por medio do Igadi
1997
- Constitución do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
1998
- Adhesión do Fondo Galego á Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad
- Constitución do Consello Municipalista da Cooperación
- Posta en marcha da convocatoria anual de proxectos para ONGD
2000
- Primeiro convenio de colaboración asinado coa Xunta de Galicia para actividades de sensibilización en Galicia.
2001
- Primeiro convenio de colaboración asinado coa Xunta de Galicia para proxectos de cooperación ao desenvolvemento en países do Sur.
2002
- Inicio da cooperación municipalista con Cabo Verde da man da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos.
2003
- Creación da Rede Municipalista Solidaria.
2005
- Primeira vez que o Fondo Galego mobiliza axuda de emerxencia, motivado polo tsunami en Sri Lanka do ano 2004
2006
- Lanzamento do programa de voluntariado e cooperación técnica Vacacións con Traballo.
2008
- Máximo histórico en número de entidades socias (107).
2010
- Impúlsase a área de comunicación con enfoque de Dereitos Humanos como piar do traballo desenvolvido pola entidade.
2011
- Último ano no que a Xunta de Galicia financia proxectos de cooperación ao desenvolvemento da man do Fondo Galego.
2013
- Froito da crise económica, a Xunta de Galicia non asina nesta anualidade o convenio de colaboración co Fondo Galego.
2015
- Fin da convocatoria anual de proxectos para ONGD que, a partir desta data, pasa a realizarse en función da dispoñibilidade orzamentaria.
2016
- Inicio da cooperación municipalista en Mozambique da man da Asociación Nacional de Municipios Mozambicanos.
2017
- Lanzamento do programa de voluntariado Vacacións con Traballo en Galicia.
2020
- O Fondo Galego por primeira vez na historia conta con persoal técnico propio.
2017-2000
- O Fondo Galego ocupa a Presidencia da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade.
2019
- Impulso da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS.