Dereitos Humanos en Mozambique
O fotoxornalista vigués Adrián Irago gañou en 2016 a terceira edición do certame Imaxes con Fondo, cuxo premio consistía nunha viaxe a Mozambique para retratar a realidade do país lusófono e os proxectos de cooperación internacional financiados polo Fondo Galego. Daquela experiencia xurdiu esta exposición, estreada tras a conmemoración do 70º aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible
Os municipios teñen un papel chave no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados pola ONU co fin de erradicar a pobreza e as desigualdades no horizonte de 2030. O primeiro paso é dalos a coñecer, de aí que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ideara esta exposición na que cada ODS está representado por unha viñeta dunha autora ou autor de Galicia ou da África lusófona.
No colo da esperanza
'No colo da esperanza' é unha exposición realizada por Felipe Carnotto no ano 2015 na denominada "ruta dos Balcáns", a través da que milleiros de persoas fuxían da guerra en Siria á procura de refuxio en Europa. O reporteiro, gañador da segunda edición do certame Imaxes con Fondo, cédelle temporalmente as fotografías ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para que as deputacións e concellos socios poidan sensibilizar á súa veciñanza sobre esta grave problemática.