Vacacións con Traballo en Galicia

Tras doce anos enviando a persoal das deputacións e concellos socios a colaborar cos parceiros en terreo a través das Vacacións con Traballo, en 2017 o Fondo Galego decidiu darlle a volta ao programa, dado que unha demanda frecuente dos municipios do Sur viña sendo profundar nesta cooperación técnica, de xeito que o seu funcionariado se desprazara a Galicia para formarse en diferentes materias dentro da administración local.

Neste senso, o programa Vacacións con Traballo en Galicia ten como misión fortalecer ao persoal técnico municipal dos países nos que traballa o Fondo Galego, para o que se procura un intercambio de experiencias naquelas deputacións e concellos dispostos a facer de anfitrións e cunha traxectoria destacada na área sobre a que se busca o fortalecemento. Ao tempo, promóvese a sensibilización entre as entidades socias do Fondo Galego sobre a difícil situación dos países empobrecidos e as súas potencialidades.

Deste xeito, a través do programa viaxan a Galicia técnicas e técnicos municipais ou de asociacións de municipios dos países cos que mantemos unha relación de cooperación. Durante a súa estadía, visitan varias administracións locais galegas nas que coñecen a experiencia de xestión nas áreas remarcadas como de maior interese segundo o seu perfil. Ademais, reúnense con diversos colectivos, manteñen encontros co alumnado, ofrecen charlas, etc.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información