Alianzas

Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP)

FEGAMP

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) é unha entidade asociativa constituída polos 313 concellos galegos, as catro deputacións provinciais e as nove entidades locais menores existentes no ámbito territorial de Galicia.

A Fegamp foi unha das organizacións que apoiou a creación do Fondo Galego no ano 1997. Así mesmo, ambas as dúas entidades manteñen un convenio de colaboración desde o ano 1998, que se foi renovando periodicamente, e no que queda reflectido o apoio institucional, material e técnico da Fegamp ao Fondo Galego, apostando polo reforzamento do diálogo e acción concertada en temas de interese común.

No ano 2014, a Fegamp nomeaba ao Fondo Galego como “Axencia Municipal da Cooperación Galega”.

Confederación de Fondos de Cooperación y Solidariedad

CONFEDERACIÓN DE FONDOS DE COOPERACIÓN Y SOLIDARIDAD

A Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad é un marco de coordinación e de representación conxunta dos distintos fondos de cooperación existentes no Estado español en todas as temáticas que, pola súa importancia, afectan aos seus intereses comúns. Forman parte da Confederación:

O Fondo Galego é membro de pleno dereito da Confederación desde o ano 1998. Entre novembro de 2017 e febreiro de 2020, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ocupou a Presidencia desta entidade, pasando desde entón a ostentar a Vicepresidencia.

Alianzas

ANAMM

A Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (ANAMM) agrupa a todos os concellos do país lusófono, e ten como fins xerais promover e defender os intereses dos municipios, fomentar a cooperación intermunicipal e representar ao municipalismo mozambicano fronte ás institucións nacionais, rexionais e internacionais.

O Fondo Galego e a ANAMM asinaron un convenio de colaboración no ano 2018 para a realización de actividades e proxectos de cooperación ao desenvolvemento, a pesares de que a cooperación entre o municipalismo de ambos países xa se iniciara no ano 2016.

Alianzas

ANMCV

A Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos (ANMCV) foi creada no ano 1995. É un dos principais actores da implementación do proceso de descentralización en Cabo Verde, tratando de dinamizar e reforzar a acción dos 22 municipios do país insular. Ten por obxectivos representar e defender aos municipios caboverdianos ante entidades de índole estatal ou internacional, realizar estudos e proxectos sobre o poder local, dar servizo aos municipios asociados, impulsar accións de formación e información a cargos electos e intercambio de experiencias en todos los dominios da actividade municipal.

O Fondo Galego colaborou estreitamente coa ANMCV no apoio a proxectos de cooperación ao desenvolvemento desde o ano 2002 ata o 2013.

Alianzas

REDE DE AUTORIDADES LOCAIS DA LUSOFONÍA POLOS ODS

O Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, celebrado os días 12 e 13 de novembro de 2019 en Santiago de Compostela, culminou cos primeiros pasos para a creación da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS. Representantes de Galicia, Portugal, Brasil, Guinea-Bissau, Angola, Mozambique, Cabo Verde e mais São Tomé e Príncipe participaron no encontro organizado polo Fondo Galego. Froito do mesmo, púxose a primeira pedra para a creación da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS. Entre as súas metas estaría fomentar o diálogo e aprendizaxe mutua entre os gobernos municipais, establecer relacións de colaboración para incrementar a eficacia e innovación nos proxectos de cooperación internacional e posibilitar a posta en marcha de iniciativas comúns en sintonía cos ODS. A partir de aquí, avanzaríase nas sucesivas fases para constituír formalmente a rede e dotala de contido.

No encontro aprobouse asemade a declaración ‘Solidariedade alén da lingua’, que pon en valor o papel chave dos municipios na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información