Concienciar as mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable é o obxectivo do proxecto ‘People & Planet: un destino común’.
A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e se prolongará durante catro anos, busca tamén reforzar aos gobernos municipais na promoción de políticas públicas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 19 entidades de oito Estados membros e de Cabo Verde.
No marco da Axenda 2030, a través de ‘People & Planet’ os concellos socios do Fondo Galego teñen a oportunidade de implementar numerosas actividades. As diferentes propostas contarán con persoal específico para a súa dinamización, pero as entidades socias deberán encargarse de crear os grupos de traballo e facilitar os contactos.
ACTIVIDADES XENÉRICAS
#WaterOfTheFuture
A escaseza de auga é un problema global con consecuencias devastadoras, tanto na actualidade como para as vindeiras xeracións, de aí que se constitúa no tema central desta campaña paneuropea, que pretende xerar conciencia e mudar hábitos co fin de protexer este recurso e garantir o acceso á auga limpa. A estratexia de comunicación incorpora accións como anuncios en televisión, vídeos en redes sociais ou unha páxina web para achegarlle a 58 millóns de persoas a mensaxe de que “sen auga, non hai futuro”.
#IAmTheChange
Cada unha e cada un de nós somos o cambio, de aí o hashtag escollido para este reto xuvenil no que a mocidade ten que subir a Youtube un vídeo de 1 minuto de duración expoñendo o seu compromiso co cambio cara unha sociedade máis xusta e sostible. O vídeo máis visto ao remate do proxecto será premiado cun móbil de comercio xusto. Convidarase ás e aos participantes nas distintas actividades a gravar a súa mensaxe.
Concurso viral
Atendendo ao elevado uso que a xente nova fai das redes sociais, e sempre orientando cara un manexo axeitado, organizarase un concurso online baseado en fotografías e mensaxes. O obxectivo será denunciar situacións inapropiadas no medio ambiente detectadas na contorna municipal, concretamente por descoido ou mala praxe da cidadanía.
ACTIVIDADES PARA A MOCIDADE
Consello Climático Xuvenil
A implicación directa da mocidade nos problemas ambientais do concello e na súa resolución é chave neste proxecto, polo que catro municipios veñen de poñer en marcha cadanseu consello integrado por mozas e mozos de entre 15 e 34 anos que asesorarán ao goberno local nesta materia. Persoal especializado encárgase de dinamizar as xuntanzas mensuais, propoñendo un tema de debate e recollendo ideas sobre estilos de vida sostibles. Representantes destes concellos participarán despois nun campamento de mocidade europea en Portugal para elaborar unha guía ao respecto.
Comunicación de guerrilla
O espazo público adoita ser o escenario desta técnica comunicativa nada convencional, que subverte a linguaxe da publicidade para chamar a atención sobre determinadas problemáticas, podendo utilizar o mobiliario urbano ao seu favor. Transgresora, aínda que non necesariamente molesta e a miúdo divertida, a comunicación de guerrilla emprega o enxeño e a creatividade para acadar maior impacto e provocar a reflexión.
Performance
Actrices, músicos, bailarinas… irrompen nun lugar público para poñer en escena unha actuación inesperada coa que denunciar algunha inxustiza, resignificando ese espazo e provocando a reacción do público. Unha das formas de performance máis coñecidas son os flashmobs, nos que normalmente se interpreta unha coreografía ao son dunha canción, que mesmo pode gravarse e converterse en viral. Será benvida a participación dos grupos de música e danza dos municipios.
Cambio climático no prato
Coa teima de promover estilos de vida máis sustentables, realízanse doce obradoiros de cociña nos que, aplicando un enfoque integral, se terá en conta o ciclo de vida dos alimentos, desde o lugar onde se produciron ata que son servidos na mesa. Con esta información, poderanse tomar decisións máis acertadas sobre a saúde das persoas e do planeta. Asemade, empregaranse produtos de proximidade (km 0), promovendo así a reflexión sobre o consumo enerxético, a pegada hídrica ou a economía local.
Certame de murais
Baixo o lema ‘People & Planet’, organizaranse dous concursos de murais, coa participación de catro concellos en cada un deles que cederán os muros para a realización das obras (de entre 40 e 50 m²), preferentemente situados en lugares transitados da vila. A finalidade é sensibilizar sobre a sustentabilidade ambiental, ao tempo que se emprega a arte urbana, especialmente popular entre a mocidade, para fomentar o pensamento crítico e a participación cidadá na construción de cidades inclusivas.
Obradoiros de debuxo urbano
Dez concellos acollerán outros tantos obradoiros de debuxo urbano nos que mozas e mozos porán en práctica as técnicas do “urban sketching”, un movemento creativo que se propón contar a realidade en primeira persoa a través do debuxo, celebrar a diversidade de miradas e compartilas coas demais persoas. Un recurso expresivo que pon en valor a capacidade de observación destes reporteiros visuais en relación co tema ‘People & Planet’.
Exposición de realidade virtual
Para conectar o noso contexto coa realidade dos países do Sur e como lles afecta o cambio climático, crearase unha exposición de realidade virtual que xirará por diferentes municipios. As persoas que a visiten poderán vivir na súa pel situacións que lle axudarán a comprender a relación entre os nosos actos e o seu impacto no ámbito global, poñendo de relevo a necesidade introducir cambios na nosa cotiandade.
E O TEU CONCELLO/DEPUTACIÓN, SÚMASE?
Apagón ambiental
En liña con outras iniciativas que nos convidan a apagar as luces das casas para conmemorar algunha efeméride medioambiental, proponse que a Casa do Concello ou outro monumento emblemático do municipio quede sen iluminación, a unha hora concreta, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, o 5 de xuño. Preténdese así chamar a atención sobre a crise climática e a importancia de implicarse na defensa ecolóxica.
Todos os ODS son locais
A partir de 2022, o persoal político e técnico das administracións locais e provinciais está chamado a participar nunha serie de formacións centradas na localización da Axenda 2030. Neste senso, analizarase como cada un dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible se vincula co traballo diario dos gobernos municipais. Persoas expertas na materia impartirán as sesións, nas que tamén intervirán asociacións xuvenís co fin de reforzar o diálogo e as accións na procura dunha resposta efectiva fronte aos desafíos da crise climática.