Histórico

Durante máis de dúas décadas, o Fondo Galego promoveu numerosas actividades para sensibilizar á cidadanía galega fronte as desigualdades, en forma de exposicións, concertos, contos, obradoiros, teatro, audiovisuais, charlas, certames, etc.

Tamén se teñen organizado diversas Visitas ao Norte dos nosos parceiros nos países do Sur, entre elas a Irmandade Galicia-Cabo Verde de 2013, e multitude de encontros con axentes do sector, como as Xornadas de Cooperación que se celebraron anualmente durante unha década.

En canto ás mostras que xiraron por máis municipios, atópanse A paz, cuestión de fondo e Os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, así como aquelas resultantes das tres edicións do concurso fotográfico Imaxes con Fondo, nalgunha ocasión con obradoiros de fotografía social en paralelo. O programa TeatrAcción ou os ciclos de Cine con Fondo, cuxos filmes seguen a estar dispoñibles, colleitaron asemade moi boa acollida. Tamén outro tipo de obradoiros sobre comercio xusto, radio e dereitos humanos ou calceta para a igualdade, amais das actividades de sensibilización vinculadas aos proxectos de cooperación financiados a ONGD galegas.

Histórico

Entre as publicacións, destacan o libro de relatos Palabras con Fondo e mais o balance 15 anos de andaina, a rede solidaria do municipalismo galego, que levaba aparellado un documental realizado con Agareso. Tamén o boletín Infórmate a Fondo, que desde 1999 contou con 131 números en papel e os 21 seguintes en formato electrónico. Así mesmo, cómpre subliñar os encontros dixitais #Alén2015, conversas online con persoas expertas para reflexionar sobre os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.

Entre as actividades impulsadas nos últimos anos, cabe salientar algunhas que as deputacións e concellos socios poden seguir programando pola súa conta para incidir na concienciación da veciñanza:

A Tropa de Trapo

A compañía integrada por Marta Ortiz e Brais das Hortas traballou durante unha década co Fondo Galego a través dos seus contos con valores. Hoxe seguen ofrecendo unha peculiar combinación entre narración oral, música ao vivo e teatro participativo en espectáculos como ‘Contamos todas’, ‘Catro monos’ ou ‘Ti tamén contas’.

O valo

Pallasos en Rebeldía creou en 2017 este espectáculo teatral para os concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Baseada no premiado texto homónimo de Carlos Labraña, a obra convida a reflexionar sobre as fronteiras e a situación das persoas refuxiadas a partir do encontro entre unha nena que foxe da guerra e un rapaz soldado.

Batuko Tabanka

A emigración, a identidade ou a situación da muller son algunhas das cuestións que centran os temas deste grupo musical integrado por mulleres de orixe caboverdiana que viven na Mariña lucense. Nos seus concertos, Batuko Tabanka difunde a cultura do país lusófono, favorecendo actitudes de respecto cara a poboación migrante e promovendo a súa inclusión.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información