Os municipios teñen un papel chave no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados pola ONU co fin de erradicar a pobreza e as desigualdades no horizonte de 2030. O primeiro paso é dalos a coñecer, de aí que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ideara esta exposición na que cada ODS está representado por unha viñeta dunha autora ou autor de Galicia ou da África lusófona.
Contido
A exposición ‘Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Un camiño para acabar coa pobreza e as desigualdades alá e acolá’ reúne 17 viñetas, unha por cada ODS, de 15 debuxantes, tanto de Galicia coma de países africanos da Lusofonía como son Mozambique, Cabo Verde e Guinea-Bissau.
A través da mostra preténdese fomentar a reflexión, a nivel local e global, sobre temas como a loita contra a fame, o acceso á saúde e á educación, a equidade de xénero ou a protección do planeta. Tamén se busca concienciar sobre as medidas que cadaquén pode tomar e/ou esixir ao respecto.
Ficha técnica
1 panel de presentación e 17 viñetas con cadanseu ODS, impresos en vinilo sobre 9 caixas de cartón, tamaño 80x118x78 cm, que se colocan á súa vez sobre outras tantas caixas de idénticas dimensións (en sentido inverso).
Embalaxe: 9 paquetes de 1,98×1,60×5 cm, cada un con 2 caixas pregadas e envolto en papel-burbulla.
- ODS 1: Pórlle fin á pobreza en todas as súas formas en todo o mundo. Neivaldo Nhatugueja (Mozambique).
- ODS 2: Pórlle fin á fame, lograr a seguridade alimentaria e a mellora da nutrición e promover a agricultura sustentable. Iago Araujo Molina (Galicia).
- ODS 3: Garantir unha vida sa e promover o benestar para todos en todas as idades. Pablo Rosendo (Galicia).
- ODS 4: Garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todos. Roberto Mendes (Guinea-Bissau).
- ODS 5: Lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas. María Nóvoa (Galicia).
- ODS 6: Garantir a dispoñibilidade de auga e a súa xestión sustentable e o saneamento para todos. Alberto Fortes ‘Litó‘ (Cabo Verde).
- ODS 7: Garantir o acceso a unha enerxía alcanzable, segura, sustentable e moderna para todos. María Vilar (Galicia).
- ODS 8: Promover un crecemento económico sostido, inclusivo e sustentable, o emprego pleno e produtivo e o traballo decente para todos. Jano (Galicia).
- ODS 9: Construír infraestruturas resilientes, promover a industrialización inclusiva e sustentable e fomentar a innovación. Luis Davila (Galicia).
- ODS 10: Reducir a desigualdade en e entre os países. Alicia Jaraba (Galicia).
- ODS 11: Lograr que as cidades e os asentamentos humanos sexan inclusivos, seguros, resilientes e sustentables. Clara Patiño (Galicia).
- ODS 12: Garantir modalidades de consumo e produción sustentables. Roberto Mendes (Guinea-Bissau).
- ODS 13: Adoptar medidas urxentes para combater o cambio climático e os seus efectos. Paula Esteban Blanco (Galicia).
- ODS 14: Conservar e utilizar de forma sustentable os océanos, os mares e os recursos mariños para o desenvolvemento sostible. Noemí López (Galicia).
- ODS 15: Promover o uso sustentable dos ecosistemas terrestres, loitar contra a desertización, deter e inverter a degradación das terras e frear a perda da diversidade biolóxica. Laprislazuli (Galicia).
- ODS 16: Promover sociedades pacíficas e inclusivas para o desenvolvemento sostible, facilitar o acceso á xustiza para todos e crear institucións eficaces, responsables e inclusivas a todos os niveis. Tokio (Galicia).
- ODS 17: Fortalecer os medios de execución e revitalizar a Alianza Mundial para o Desenvolvemento Sostible. Alberto Fortes ‘Litó‘ (Cabo Verde).
Actividades complementarias
Inauguración
Suxírese organizar un acto inaugural no que participe a/o representante política/o ou técnica/o do Fondo Galego no concello ou deputación, a modo de presentación ante a cidadanía e os colectivos sociais en xeral e aos medios de comunicación en particular. Desde a nosa Área de Comunicación facilitaremos modelos dos materiais necesarios: nota de prensa, cartelería, fotografías, etc.
Unidade didáctica
O Fondo Galego dispón dunha unidade didáctica arredor da exposición sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, pensada inicialmente para Secundaria, aínda que as actividades propostas son adaptables. O documento pode descargarse aquí:
Unidade didáctica ODS
Coloquios
Os concellos que acollan a exposición poden contactar con ONGD locais que poidan ofrecer charlas, proxeccións, obradoiros, etc. nas que se estableza un debate participativo para dar a coñecer os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.