Oito concellos galegos impulsarán a implementación da Axenda 2030 no eido local a través dos obradoiros ‘Todos os ODS son locais’, facilitados polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade a través do proxecto ‘People & Planet’, financiado polo programa DEAR da UE. A primeira formación terá lugar en Teo o 28 de febreiro de 10 a 14 horas e xa están reservadas tamén as datas do 12 ao 18 de marzo no Barco, Deputación de Lugo, Viveiro, Covelo e Deputación de Pontevedra. En Fene celebrarase o 25 de abril e en Allariz o 23 de maio, aínda que a todas as ubicacións poden asistir representantes e organizacións de calquera municipio.
A actividade esta dirixida a persoal político e técnico dos municipios, deputacións e mancomunidades, pero tamén a asociacións de todo tipo e xente nova, desde colectivos de carácter social e cultural ata agrupacións de comerciantes, ANPA, etc. As administracións locais teñen un papel chave na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, pero para acadalos cómpre implicar a todos os sectores da sociedade, de aí que sexa preciso fortalecer os lazos entre os diferentes axentes e promover unha acción coordinada.
O programa permitirá achegarse aos principios fundamentais da Axenda 2030 e ás fases do proceso de localización mediante exemplos de boas prácticas, ao tempo que se empregarán dinámicas participativas para explorar conxuntamente estratexias para territorializar os ODS, de xeito que xurdan iniciativas que despois poidan ser levadas á práctica. Neste senso, informarase das liñas de financiamento dispoñibles e facilitarase o asesoramento necesario. As e os asistentes recibirán mesmo unha guía de apoio, alén de degustar café de comercio xusto no descanso.