Dúas mozas dos Consellos Climáticos de Teo e A Guarda comparten a súa experiencia en Bruxelas

Dúas mozas dos Consellos Climáticos de Teo e A Guarda comparten a súa experiencia en Bruxelas

Dúas mozas dos Consellos Climáticos de Teo e A Guarda comparten a súa experiencia en Bruxelas 1600 848 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Bruxelas, 23 de febreiro de 2024. Dúas integrantes dos Consellos Climáticos Xuvenís dos concellos de Teo e A Guarda veñen de expoñer en Bruxelas a súa experiencia como activistas medioambientais da man do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que ambos os dous municipios forman parte. Irene Iglesias e Marta González, respectivamente, están a intercambiar boas prácticas no eido da acción climática canda mocidade doutros tres países implicados no proxecto europeo ‘People & Planet’.

As actividades en Bruxelas deron comezo onte cunha visita ao Parlamento Europeo, onde a delegación foi recibida pola europarlamentaria portuguesa Sara Cerdas, que lles explicou o funcionamento da cámara e lles animou a trasladar as súas inquedanzas. “É moi importante que esteades aquí para traernos aos decisores políticos de volta á realidade, non esquezades que estamos para servirvos e representarvos”, sinalou. Cerdas lembrou que “máis do 70% das leis estatais veñen determinadas polas políticas europeas”, polo que incidiu na necesidade de votar nas vindeiras eleccións de xuño.

As mozas galegas compartiron a continuación a súa experiencia como voluntarias ambientais na mesa redonda que se celebrou na Dirección Xeral de Partenariado Internacional (DG INTPA), onde tamén inteveu xente nova de Portugal, Italia e Alemaña en representación dos 17 Consellos Climáticos Xuvenís creados nun total de nove países no marco do proxecto ‘People & Planet’, financiado polo programa DEAR da INTPA. Na nosa comunidade, estes grupos de traballo están a funcionar en Teo, A Guarda, Oleiros e As Neves, co obxectivo non só de promover estilos de vida máis sustentables, senón tamén de colaborar cos gobernos locais para impulsar políticas a prol do desenvolvemento sostible.

Alén de favorecer a reflexión e a sensibilización ante a emerxencia climática, tal e como compartirán tamén nun próximo encontro en Lisboa, os Consellos Climáticos Xuvenís de Galicia teñen a particularidade de que organizan as súas propias actividades en colaboración cos concellos, desde limpezas de praias e plantación de árbores ata campañas para reducir o uso de plásticos e roteiros por espazos naturais. Este aspecto foi valorado moi positivamente pola responsable de Xuventude da Dirección Xeral, Thaïs Leray, quen remarcou o feito de que as ideas partan directamente da mocidade e que consigan apoio municipal para levalas a cabo.

A comitiva galega pechou a xornada na Fundación Galicia Europa, onde tamén tivo a oportunidade de presentar o proxecto e de coñecer o funcionamento desta oficina que defende os intereses galegos ante a UE da man da súa directora, Ana Ramos, e de todo o seu equipo, que á súa vez lles explicou as oportunidades que ofrecen para a xente nova.

Abertos a novas incorporacións

A  participación neste intercambio está a ser “unha experiencia do máis interesante, na que puiden coñecer as testemuñas doutra xente nova e aprender como funciona o Parlamento e outras institucións da UE”, en palabras de Irene Iglesias, de 16 anos, que regresará a Teo “cunha morea de información e ganas de seguir traballando”. No mesmo senso, Marta González, de 26, asegura “volver con moitas ideas para aplicar na Guarda”, ao tempo que pon en valor “ter coñecido a mozas e mozos de diferentes países, visitar lugares aos que pensaba que nunca acudiría e coñecer o funcionamento do proxecto ‘People & Planet’ a nivel europeo”. Ambas as dúas chaman ademais á mocidade da contorna a participar nos Consellos Climáticos Xuvenís, que ofrecen vantaxes como estas viaxes internacionais.

O programa en Bruxelas continúa hoxe de novo na DG INTPA, onde abordarán aspectos relativos ao Green Deal, a axenda dixital, a igualdade de xénero ou os dereitos humanos. O itinerario pecharase no Foro Europeo da Xuventude, que dá voz á mocidade en Europa, reivindicando os seus dereitos e empoderándoos para teren un papel activo na sociedade.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información