Olladas do Sur. Cinema en curto desde a África Lusófona

O cinema ten un gran potencial para dar a coñecer outras realidades, xerar empatía a través das emocións e contribuír a unha transformación social positiva. A través de tres curtas rodadas en Cabo Verde, Guinea-Bissau e Mozambique, achegámonos aos países cos que colabora o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. No coloquio posterior, visibilízanse os proxectos alí apoiados polas deputacións e concellos socios, e estimúlase o debate mediante preguntas e escenas clave para fomentar a reflexión e o diálogo. 

Obxectivos

  • Dar a coñecer a realidade de Cabo Verde, Mozambique e Guinea-Bissau, vinculándoa con Galicia.
  • Visibilizar a diversidade sociocultural e  ofrecer narrativas alternativas aos estereotipos sobre o continente veciño.
  • Poñer en valor a cooperación ao desenvolvemento e os proxectos do Fondo Galego na África lusófona.

Observacións

A actividade ten unha duración media de 90 minutos e suxírese organizala en aberto para público xeral. No caso de querer levala a un IES, recoméndase programala para estudantes de bacharelato ou dos últimos cursos de secundaria. Ademais, dado que as aulas adoitan ser de 50 minutos, habería que elixir un único documental (preferentemente ‘Contra a maré’). Facilitarase un kahoot para xogar co alumnado, a fin de dinamizar o debate.

Curtametraxes

Labuta

  • País: Cabo Verde
  • Dirección: Lara Plácido e Inês Alves
  • Xénero: Documental
  • Duración: 21’
  • Sinopse: O filme trasládanos a Ribeira da Barca, na illa de Santiago, onde, durante varias xeracións, a extracción de area nas praias foi a única fonte de ingresos. Corresponde ás mulleres, coidadoras por excelencia deste territorio, alimentar e educar a fillos e netos e, por iso, foi a elas a quen lles tocou realizar este duro traballo, agora prohibido. Bloqueadas entre o impacto ambiental da única actividade que desde sempre desempeñaron e a necesidade de seguir mantendo as súas familias -habitualmente numerosas e monomarentais-, persisten en entrar mar adentro ou en percorrer a ribeira na procura de area para vender. No aire, fica unha pregunta: que futuro lles agarda?

Contra a maré

  • País: Guinea-Bissau
  • Dirección: Inês Ventura
  • Xénero: Documental
  • Duración: 18’
  • Sinopse: Esta curta acompaña o cotián de persoas que naceron, viven e soñan en Guinea-Bissau, e por Guinea-Bissau. Un soño ora de esperanza, ora adiado, que leva consigo o seu pesado historial colonial. Un soño que resiste ao destino trazado por Occidente e polo relato dominante, rachando coa idea de ser un país eternamente atrasado. O filme foi coproducido polo Instituto Marquês de Valle Flôr (IMVF) no marco da campaña “tODxS pela educação para o desenvolvimento e a cidadania global”.
  • Podes ver o filme aquí.

A voz de um pincel

  • País: Mozambique
  • Dirección: Inês Ventura
  • Xénero: Douglas Condzo
  • Duración: 5’
  • Sinopse: Armando é un mozo tímido, educado e intelixente, cuxa paixón é a pintura. Coa axuda de seu tío, pode estudar na escola de artes de Maputo, mentres que súa nai vive nunha humilde vivenda preto do vertedoiro. Partindo deste escenario, o filme convida a reflexionar sobre os impactos negativos que sofren os barrios marxinais. O protagonista proxecta o futuro nunha visión abstracta da súa comunidade, a fin de demostrar que o cambio pode vir de calquera lugar, mesmo dun pincel.
  • Podes ver o filme aquí.
    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información