O IAF 123, correspondente aos meses de novembro e decembro de 2011, dá conta da visita a Galicia da técnica que vén de supervisar no Haití o proxecto impulsado polo Fondo Galego e o Fons Català. Victòria Planas visitou Cambre, Allariz, Oímbra, Redondela e Vigo para explicar os avances verificados en terreo.
A última edición do boletín expón asimesmo a proposta de resolución aprobada pola asemblea xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), onde se acordou reforzar os lazos de colaboración. Tamén resume a xuntanza da Rede Municipalista Solidaria, na que se presentou o proxecto 'Redes para o Desenvolvemento' ao persoal dos Concellos e Deputacións.
As experiencias de técnicas e técnicos das Administracións socias que participaron no programa de voluntariado en países do sur Vacacións con Traballo están asemade recollidas no 'Infórmate a Fondo'. Así como a viaxe a Cabo Verde dun equipo da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) para filmar o próximo documental sobre o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
A publicación péchase coa recomendación da película 'Memoria del saqueo' e do libro 'Derechos humanos y diversidad cultural. Globalización de las culturas y derechos humanos'.