O proxecto parte da consideración de que Nicaragua é un dos países con maior risco ante os efectos do cambio climático pola súa situación xeográfica. Esta iniciativa tivo como obxectivo facilitarlle o acceso á auga potable a máis dun milleiro de persoas empobrecidas en Nicaragua. Incluíu a instalación de bioxardineiras, a rehabilitación de pozos, a reforestación das fontes de auga e capacitacións sobre a xestión do recurso hídrico e o saneamento ambiental. Preto de 180 familias resultaron beneficiadas nunha zona que se acha en situación de pobreza extrema, onde reducir a contaminación da auga resulta clave para minguar a incidencia de enfermidades e na que a agricultura, que constitúe a principal fonte de ingresos, se ve gravemente afectada pola seca.