O proxecto deu seguimento á liña de Fortalecemento Comunitario do Programa “Oxlajuj Tzíkin” impulsado pola Xunta de Galicia entre os anos 2008 e 2012, en 16 comunidades do Departamento de Retalhuleu, en Guatemala. Como parte do mesmo, impulsouse a creación de varias estruturas comunitarias para liderar os procesos de desenvolvemento das súas comunidades, de modo que estas tivesen un papel fundamental na toma de decisións sobre o seu desenvolvemento. Neste contexto, o proxecto tivo como obxectivo fortalecer os medios e as capacidades destas 16 comunidades, para liderar un proceso de desenvolvemento autónomo. A primeira liña de traballo incidiu en fortalecer as capacidades de xestión, produtividade e comercialización da cooperativa comunitaria B’eljuj Q’anil, co obxectivo de que se converta nunha ferramenta eficaz e sostible de xeración de fondos propios para o desenvolvemento das comunidades. A segunda liña traballou coas e cos representantes comunitarios da cooperativa e do Consello de Autoridades Comunitarias do Sur, a fin de fortalecer o liderado destas estruturas comunitarias, desenvolver mecanismos de priorización, xestión, supervisión e control dos proxectos comunitarios e promover a toma de decisións de xeito participativo e inclusivo.