Catro murais chaman a actuar fronte o cambio climático en vilas de todas as provincias galegas

Catro murais chaman a actuar fronte o cambio climático en vilas de todas as provincias galegas

Catro murais chaman a actuar fronte o cambio climático en vilas de todas as provincias galegas 2336 728 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Catro obras chamarán á actuar contra a emerxencia climática nos concellos do Barco de Valdeorras, Covelo, Narón e Guitiriz tras gañar o Concurso de Murais ‘People & Planet’. As propostas de Felipe Zúñiga, Tom Glendenning, Andrea Luengo e Pedro González resultaron ser as que mellor ilustran o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 13, que convida a “adoptar medidas urxentes para combater o cambio climático e os seus efectos”. Unha viaxe sostible a Cabo Verde é o premio desta primeira edición do certame, convocado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e cofinanciado polo programa DEAR da Unión Europea e a Xunta de Galicia.

‘Acción polo clima’ é precisamente o título do bosquexo presentado por Felipe Zúñiga, alias ‘Malpegados’, artista chileno afincado en Barcelona. O mural farase realidade na fachada do pavillón de deportes do Barco (Ourense) co fin de trasladarnos a un futuro distópico ao que chegaremos se non tomamos medidas para preservar a contorna. Cunha representación visual equilibrada e unha estudada selección de cores, emprégase o simbolismo de distintos elementos para amosar o contraste entre a vida na Terra e a súa destrución, coa intención de facernos reflexionar sobre o  impacto colectivo que teñen as nosas eleccións individuais.

‘Acción polo clima’, de Felipe Zúñiga (Malpegados).

‘Acción polo clima’, de Felipe Zúñiga (Malpegados).

O británico Tom Glendenning, residente na cidade de Pontevedra, encargarase de ilustrar o recinto do skate park de Covelo (Pontevedra) coa obra ‘Hai dous futuros’. O xurado valorou a capacidade da proposta para celebrar a natureza con liñas de nivel e cores que evocan a paisaxe, remitíndonos tamén a unha especie de mapa de calor sobre o que nos alerta o ODS 13. Cun estilo abstracto pero propio, a obra espertará a curiosidade en quen a observe, que deberá elixir entre un camiño en harmonía co medio ou un futuro de sombras grises.

‘Hai dous futuros’, de Tom Glendenning.

‘Hai dous futuros’, de Tom Glendenning.

A escolla entre eses dous destinos parece centrar tamén a proposta ‘Quéreme ou non me quere?’, da cacereña Andrea Luengo, seleccionada para o muro do pump truck de Narón (A Coruña). A obra convida a repensar o territorio e como o habitamos, amosa como vemos e como imos ver a nosa contorna a causa do cambio climático, animando a pasar á acción para frealo. Valórase a narrativa tomada das margaridas e que preguntas lles fariamos cando xa non quede chan onde poidan medrar. A nivel pictórico, percíbese un estilo moi persoal, con pinceladas que case converten o mural nun cadro ao óleo mesturadas con sinxelos debuxos.

‘Quéreme ou non me quere’, de Andrea Luengo.

‘Quéreme ou non me quere’, de Andrea Luengo.

Por último, o bosquexo ‘Save your future’, do vigués Pedro Gonzalo, plasmarase no Estadio Suso Cruz de Guitiriz (Lugo). A proposta pon de relevo a necesidade de actuar para que a realidade representada nunha parte da obra non arrase coa retratada na outra. Nesta última represéntase a natureza con formas redondeadas e orgánicas, en tonalidades verdosas e amarelas, mentres que no outro lado as figuras vanse agudizando e escurecendo cada vez máis. A fase de transición alértanos de que cómpre tomar medidas para que ese fume que simboliza a emerxencia climática non ensombreza o destino das vindeiras xeracións.

Save your future’, de Pedro Gonzalo.

Save your future’, de Pedro Gonzalo.

A primeira edición do Concurso de Murais ‘People & Planet’ recibiu un total de 13 deseños de 10 muralistas -das que 6 eran mulleres-, que foron valoradas polo xurado nunha xuntanza celebrada a semana pasada en Santiago de Compostela. As artistas Sandra Lodi, Julia Lago e Delio Rodríguez, canda Ana Díaz, activista de Ecoloxistas en Acción, e Noela Vilas, técnica municipal de xuventude, integraban o tribunal que decidiu as propostas gañadoras. As e os seus autores viaxarán proximamente a Cabo Verde, co fin de coñecer a realidade dun país da África lusófona co que o Fondo Galego leva colaborando dúas décadas.

Ademais, as e os muralistas terán a oportunidade de presentarlle as súas propostas á mocidade dos municipios onde interveñan, podendo recoller as súas ideas e integrala nun pintado colectivo. Impúlsase así un artivismo que pon en valor o potencial transformador da creación artística, promovendo o pensamento crítico e reivindicando un cambio social. De igual xeito, foméntase a participación cidadá na construción de cidades e vilas sostibles, ao tempo que se transforma o espazo público de maneira colectiva. A segunda edición do certame porase en marcha no mes de febreiro arredor do ODS 6: Auga limpa e saneamento.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información