O proxecto People & Planet premiará con viaxes a Cabo Verde catro murais sobre acción climática

O proxecto People & Planet premiará con viaxes a Cabo Verde catro murais sobre acción climática

O proxecto People & Planet premiará con viaxes a Cabo Verde catro murais sobre acción climática 1240 1240 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Concurso de Murais ‘People & Planet’ premiará con viaxes sustentables a Cabo Verde ás autoras ou autores das catro obras que mellor ilustren o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 13, que chama a “adoptar medidas urxentes para combater o cambio climático e os seus efectos”. Ata o 29 de decembro está aberto o prazo para enviar as propostas, que na primavera se farán realidade en muros de Covelo, Guitiriz, Narón e O Barco de Valdeorras. Os catro concellos son socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade que convoca este certame cofinanciado polo programa DEAR da Unión Europea e a Xunta de Galicia.

O obxectivo do proxecto europeo ‘People & Planet: un destino común’ é sensibilizar á xente nova sobre a emerxencia climática para que introduza mudanzas no seu estilo de vida e reclame políticas públicas encamiñadas a facerlle fronte. De aí que o concurso de murais estea dirixido a artistas de entre 18 e 35 anos de todo o Estado, que poderán presentar ata dúas propostas para dous muros diferentes seguindo o procedemento establecido nas bases. As obras deben ser inéditas, de xeito que non fosen recreadas anteriormente nunha parede nin premiadas noutros certames. A técnica será libre e organización facilitará todos os materiais necesarios para facelas realidade.

O premio para cada unha das persoas gañadoras será unha viaxe de turismo sustentable a Cabo Verde, a fin de coñecer a realidade dun país da África lusófona co que o Fondo Galego leva colaborando dúas décadas. Ao longo dunha semana, as e os galardoados percorrerán as illas de Santiago e Fogo, incluíndo rutas de sendeirismo guiadas e visitas a iniciativas locais como cooperativas vinícolas ou o proxecto ambiental Cidade Verde. A viaxe levarase a cabo en maio de 2024 da man da axencia especializada Oi Cabo Verde.

Con anterioridade, cada artista terá ocasión de presentar a súa proposta ante un grupo de xente nova do municipio correspondente, escoitando á súa vez as ideas da mocidade e mesmo convidándoa a sumarse ao pintado nalgunha das fases do mural. Impúlsase así un artivismo que pon en valor o potencial transformador da creación artística, promovendo o pensamento crítico e reivindicando un cambio social. De igual xeito, foméntase a participación cidadá na construción de cidades e vilas sostibles, ao tempo que se transforma o espazo público de maneira colectiva. Calquera dúbida sobre a convocatoria pode consultarse no enderezo electrónico comunicacion@fondogalego.gal ou no teléfono 604 040 890.

ODS 13: Acción polo Clima

Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible son 17 metas globais que os Estados membros da ONU adoptaron a finais de 2015 para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas no horizonte de 2030. A tamén chamada Axenda 2030  abrangue temas coma o xénero, a saúde, a educación, o medio ambiente ou a paz. Todos os ODS da entroncan dalgún xeito coas competencias locais, de aí que o papel dos municipios sexa clave para acadalos.

Concretamente, o ODS 13 pon de relevo que as persoas vivimos na nosa propia pel as consecuencias do cambio climático, coma a seca ou as inundacións. Os gases de efecto invernadoiro que produce a actividade humana acentúan a ameaza a nivel global, xa que as emisións na nosa zona prexudican a poboacións afastadas, e viceversa. A solución pasa por adoptar políticas ao respecto e por concienciar sobre as medidas que podemos tomar.

Bases (GAL)
Bases (ESP)
Ficha (GAL)
Ficha (ESP)
Cartel

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información