Inaugúrase na Illa do Príncipe o IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía

Inaugúrase na Illa do Príncipe o IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía

Inaugúrase na Illa do Príncipe o IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía 1920 1280 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía deu comezo esta mañá en Santo António (São Tomé e Príncipe), coa participación de representantes locais e rexionais de seis países de lingua oficial portuguesa e de cinco concellos galegos. ‘Gobernanza local para o desenvolvemento sostible’ é a temática central do encontro, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xunto coa Rexión Autónoma do Príncipe e  financiado pola Xunta de Galicia, que houbo de adiarse debido a unha incidencia nas conexións aéreas entre illas.

O presidente do Goberno Rexional do Príncipe, Filipe Nascimento, apuntou na inauguración que estas xornadas permitirán “profundizar no compromiso coa sustentabilidade” e serán “unha brúxula para mellorar a articulación de cara a acelerar o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”. Pola súa banda, o presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e alcalde de Nigrán, Juan González, remarcou que nestes encontros “todos aprendemos das experiencias dos demais, en pé de igualdade”.

A apertura contou asemade coa intervención en pantalla de Jesús Gamallo, secretario xeral de Relacións Exteriores e coa UE, quen expresou que “unha das prioridades da Xunta de Galicia é o achegamento aos países de lingua oficial portuguesa” e anunciou a intención de potenciar a cooperación coa Rexión Autónoma do Príncipe. Estiveron tamén presentes, entre outras autoridades, as e os representantes da Laracha, Allariz, Burela, Nigrán e Gondomar, que esta tarde terán a oportunidade de compartir as súas boas prácticas en xestión medioambiental nunha versión concentrada do programa inicial.

No entanto, os traballos iniciáronse xa o luns na Illa de São Tomé, con xuntanzas da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS, na que, alén do Fondo Galego e a Rexión Autónoma do Príncipe, participan entre outras a Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa, Frente Nacional de Prefeitos (Brasil), Rexión de Cacheu (Guinea-Bissau), Asociación Nacional dos Municipios Caboverdianos e Asociación Nacional dos Municipios de Mozambique. Fomentar a aprendizaxe mutua entre os gobernos locais, incrementar a eficacia nos proxectos de cooperación internacional e colaborar na territorialización da Axenda 2030 son algúns dos obxectivos desta alianza e das propias xornadas.

Deste xeito, todas as entidades citadas achegarán hoxe as súas propostas no IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, que tamén contará coa participación do Fons Menorquí de Cooperació, a Empresa de Auga e Electricidade de São Tomé e Príncipe, proxecto WACA, STP Digital e Grupo HBD. Cambio climático, áreas protexidas, xestión do lixo, educación ambiental ou turismo sustentable son algúns dos grandes temas a abordar. Xa mañá, a axenda completarase con visitas a sede da Reserva da Biosfera, un centro de valorización de residuos, a fábrica de chocolate e distintas cooperativas.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información