People & Planet convida á mocidade a divulgar en vídeo os seus hábitos sostibles

People & Planet convida á mocidade a divulgar en vídeo os seus hábitos sostibles

People & Planet convida á mocidade a divulgar en vídeo os seus hábitos sostibles 1400 1400 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Os grandes cambios comezan con pequenos xestos e por iso o proxecto People & Planet quere poñer en valor os hábitos sustentables que a xente nova está a adquirir a través dun concurso audiovisual. Mocidade de entre 15 e 35 anos pode participar neste reto xuvenil que busca promover a xustiza social e climática. Basta con gravar un breve vídeo de ata un minuto de duración, no que a persoa identifique un problema local ou global e explique o que xa fai ou pode facer ao respecto. O premio estatal consiste nun ecopack de produtos e experiencias sostibles, mentres que quen gañe a fase europea  participará nun campus internacional en Portugal.

As mozas e mozos participantes deberán subir o vídeo á súas redes sociais co hashtag #PeopleOfTheFuture e despois rexistralo na páxina https://waterofthefuture.org/video-challenge. Na mesma web poden descargar o filtro ou o logo que ha de utilizarse nas gravacións, ben imprimíndoo previamente e mostrándoo na pantalla ou ben engadíndoo de maneira dixital. O vídeo pode estar realizado por unha persoa ou por un pequeno grupo e non é preciso saír en pantalla, pois pódense empregar outros formatos. O concurso permanecerá activo ata o 31 de xaneiro de 2024 e cadaquén pode enviar un máximo de dúas propostas.

Na fase estatal premiarase un vídeo por cada un dos nove países involucrados no proxecto People & Planet: España, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde. O xurado valorará tanto a creatividade como a claridade técnica e expositiva, así como o pensamento crítico e o compromiso amosados. O galardón consistirá nun lote de produtos ecolóxicos e experiencias de aventura na natureza, a elixir entre kayak, rafting, barranquismo, etc. Na fase internacional, teranse en conta ademais as visualizacións e quen gañe participará nun campamento en Lisboa canda outras mozas e mozos europeos.

A finalidade do certame, financiado polo programa DEAR da Comisión Europea, é promover entre a xente nova estilos de vida sustentables, en liña co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 13, que chama a “adoptar medidas urxentes para combater o cambio climático e os seus efectos”. Calquera dúbida sobre a convocatoria pode consultarse no enderezo electrónico comunicacion@fondogalego.gal ou no teléfono 604 040 890.

Vídeo explicativo
Filtro para Instagram
Logo dixital
Logo para imprimir

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información