A escaseza e a contaminación da auga centrarán a segunda edición do Concurso de Murais ‘People & Planet’, aberta ata o 20 de marzo. Unha viaxe sustentable a Cabo Verde será o premio para ás autoras ou autores das catro obras que mellor ilustren o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 6, que chama a “garantir a dispoñibilidade de auga e a súa xestión sustentable e o saneamento para todas as persoas”. As propostas faranse realidade en muros de Moeche, Poio, Verín e Viveiro, concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que convoca este certame cofinanciado polo programa DEAR da Unión Europea e a Xunta de Galicia.
O obxectivo do proxecto europeo ‘People & Planet: un destino común’ é sensibilizar á xente nova sobre a emerxencia climática para que introduza mudanzas no seu estilo de vida e reclame políticas públicas encamiñadas a facerlle fronte. De aí que o concurso de murais estea dirixido a artistas de entre 18 e 35 anos de todo o Estado, que poderán presentar ata dúas propostas para dous muros diferentes seguindo o procedemento establecido nas bases. As obras deben ser inéditas, de xeito que non fosen recreadas anteriormente nunha parede nin premiadas noutros certames. A técnica será libre e organización facilitará todos os materiais necesarios para facelas realidade.
O premio para cada unha das persoas gañadoras será unha viaxe de turismo sustentable a Cabo Verde, a fin de coñecer a realidade dun país da África lusófona co que o Fondo Galego leva colaborando dúas décadas. Ao longo dunha semana, as e os galardoados percorrerán as illas de Santiago e Fogo, incluíndo rutas de sendeirismo guiadas e visitas a iniciativas locais como cooperativas vinícolas ou o proxecto ambiental Cidade Verde. A viaxe levarase a cabo en maio de 2024 da man da axencia especializada Oi Cabo Verde.
Con anterioridade, cada artista terá ocasión de presentar a súa proposta ante un grupo de xente nova do municipio correspondente, escoitando á súa vez as ideas da mocidade e mesmo convidándoa a sumarse ao pintado nalgunha das fases do mural. Impúlsase así un artivismo que pon en valor o potencial transformador da creación artística, promovendo o pensamento crítico e reivindicando un cambio social. De igual xeito, foméntase a participación cidadá na construción de cidades e vilas sostibles, ao tempo que se transforma o espazo público de maneira colectiva. Calquera dúbida sobre a convocatoria pode consultarse no enderezo electrónico comunicacion@fondogalego.gal ou no teléfono 604 040 890.
ODS 6: Auga limpa e saneamento
Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible son 17 metas globais que os Estados membros da ONU adoptaron a finais de 2015 para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas no horizonte de 2030. A tamén chamada Axenda 2030 abrangue temas coma o xénero, a saúde, a educación, o medio ambiente ou a paz. Todos os ODS da entroncan dalgún xeito coas competencias locais, de aí que o papel dos municipios sexa clave para acadalos.
Concretamente, o ODS 6 pon de relevo que hai suficiente auga doce no planeta para que todos os seus habitantes teñan acceso a ela, pero boa parte da poboación está afectada pola súa escaseza ou mala calidade. No entanto, podemos entender esta problemática nun sentido amplo, tal e como establece a campaña ‘Water of the future’: medidas para aforrar auga, pegada hídrica, a situación noutros lugares, activismo contra a contaminación dos ríos e os océanos, reivindicación de espazos protexidos, etc.