Trinta representantes de 15 concellos galegos visitan os campamentos saharauís

Trinta representantes de 15 concellos galegos visitan os campamentos saharauís

Trinta representantes de 15 concellos galegos visitan os campamentos saharauís 1600 1200 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Unha trintena de representantes de quince concellos galegos visitan esta semana os campamentos saharauís en Tindouf (Alxeria) co fin de coñecer de primeira man a realidade das persoas refuxiadas e os proxectos de axuda humanitaria impulsados desde Galicia, así como visibilizar o apoio institucional das administracións locais á causa saharauí. A misión política está organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade canda a Delegación da República Árabe Saharauí Democrática en Galicia e España e a ONGD Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.

A axenda en terreo deu comezo onte mércores cun recibimento por parte da gobernadora de Bojador, Dih Chadad, quen, alén de dar a benvida á delegación, defendeu o “dereito á autodeterminación do pobo saharauí” e chamou aos responsables municipais a “concienciar sobre esta causa xusta nos seus territorios”. A Wilaya de Bojador é unha das cinco provincias nas que se organizan os campamentos -mantendo a estrutura administrativa da RASD- e é tamén na que se concentra a cooperación tanto da Xunta de Galicia como do Fondo Galego, especialmente nas áreas de sanidade e medio ambiente.

Pola súa parte, o presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e alcalde de Nigrán, Juan González, amosouse aberto a “seguir cooperando cos campamentos saharauís, tamén con achegas específicas dos propios concellos”. Neste senso, Nigrán e Moaña están a apoiar a través do Fondo Galego o proxecto Nadafa, que busca reforzar a xestión dos residuos traballando nunha dobre vertente: mellorar a recollida de lixo mediante a dotación de persoal e materiais, e realizar actividades de sensibilización para que a veciñanza, especialmente a máis nova, contribúa a manter limpa a súa contorna.

A delegación galega poderá supervisar in situ esta iniciativa, se ben nas primeiras horas de estancia xa tiveron a oportunidade de visitar unha planta de reciclaxe de residuos ou as instalacións da Media Lúa Vermella Saharauí. Nos próximos días coñecerán asemade a situación dos centros educativos e do Hospital Nacional, amais de reunirse coa Asociación de Familiares de Prisioneiros Saharauís e Persoas Desaparecidas e coa Unión de Mulleres Saharauís. Está previsto ademais un encontro co Primeiro Ministro, Bucharaya Beyun, así como cos representantes ministeriais de Cooperación, Saúde ou Auga e Medio Ambiente.

Os concellos presentes nesta misión son: Allariz, Boiro, Brión, Cabanas, Laxe, Lugo, Moaña, Monforte, Muros, Nigrán, Oleiros, Padrón, O Rosal, Sada e Viveiro, aos que se unen membros do Parlamento de Galicia, Xunta, ONGD, sindicatos, persoal médico e familias acolledoras do programa Vacacións en Paz. Cómpre apuntar así mesmo que unha ducia de corporacións en toda Galicia aprobaron tamén a declaración impulsada polo Fondo Galego contra o cambio de postura do Goberno Español sobre o Sáhara Occidental. O texto reivindicaba a solución auspiciada por Nacións Unidas, que pasa por convocar un referendo de autodeterminación, en cumprimento do Plan de Arranxo asinado en 1991.

48 anos fóra da súa terra

O pobo saharauí foi desprazado do seu territorio en 1975, cando Marrocos organizou a Marcha Verde sobre o Sáhara Occidental, que conta con valiosos recursos naturais. En novembro de 2020, a Fronte Polisario decidiu retomar a loita armada tras acusar a Rabat de ocupar novas zonas nos territorios liberados. Cómpre lembrar que o Sáhara Occidental foi a provincia nº 53 de España, ata que se produciu o que tanto a poboación como as autoridades saharauís consideran un “abandono” tras a firma do Acordo Tripartito de Madrid, que deixaba a zona en mans de Marrocos e Mauritania, aínda que esta última retiraríase posteriormente.

A día de hoxe, un muro de máis de 2.700 km construído polo reino alauíta separa as áreas liberadas pola Fronte Polisario dos territorios ocupados polos marroquís, que constitúen o 80% da superficie e nos que se denuncian constantes vulneracións dos dereitos humanos. O  Sáhara Occidental, onde o español é o segundo idioma, conta con 266.000 km2 e uns 612.000 habitantes, aínda que a poboación autóctona vai perdendo terreo fronte aos marroquís atraídos polos incentivos económicos do seu goberno. Mentres tanto, nos campamentos residen arredor de 173.600 persoas refuxiadas que sobreviven na inación, en cumprimento do Plan de Arranxo asinado en 1991.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información