Máis dun milleiro de persoas acceden á auga potable coa terceira fase do proxecto en Pecixe (Guinea-Bissau)

Máis dun milleiro de persoas acceden á auga potable coa terceira fase do proxecto en Pecixe (Guinea-Bissau)

Máis dun milleiro de persoas acceden á auga potable coa terceira fase do proxecto en Pecixe (Guinea-Bissau) 777 484 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Máis dun milleiro de habitantes da comunidade de Pessangue, en Guinea-Bissau, teñen xa acceso á auga potable a través das fontes instaladas nas súas aldeas grazas á terceira fase do proxecto impulsado na illa de Pecixe polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Ata 165 familias, que viven practicamente illadas e sen acceso aos servizos máis básicos, verán melloradas as súas condicións de saúde e hixiene grazas ás novas infraestruturas realizadas en colaboración co goberno rexional de Cacheu.

Deste xeito, construíuse un sistema de captación, extracción e abastecemento de auga potable que se traduciu na instalación dun depósito con capacidade para 4.000 litros e unha motobomba alimentada a través de paneis solares que canaliza a auga ata as fontes públicas. Búscase reducir así os problemas de saúde derivados da baixa calidade da auga recollida nos pozos a ceo aberto e mais os esforzos físicos realizados para encher neles os bidóns, sobre todo por parte das mulleres e a rapazada, que adoitan encargarse desta tarefa.

Neste senso, o proxecto levou aparellada unha campaña de sensibilización sobre a importancia de utilizar as fontes e frear a escavación de novos pozos, que representan un perigo para as persoas e tamén unha agresión ao medio ambiente. Destaca asemade a implicación da poboación local en todo o proceso, desde a cesión de terreos ata elaboración dun modelo de xestión conxunta das novas infraestruturas entre o goberno local da Sección de Caio e a comunidade beneficiaria, a fin de garantir a súa correcta utilización e mantemento.

A auga está recoñecida como dereito humano, de modo que “toda persoa ten dereito a dispoñer de auga suficiente, salubre, aceptable, accesible e asequible para o uso persoal e doméstico”. Ademais, a Axenda 2030 recolle como ODS 6 “garantir a dispoñibilidade de auga e a súa xestión sustentable e o saneamento para toda a poboación”.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información