Catro integrantes dos Consellos Climáticos Xuvenís dos concellos da Guarda, Oleiros e Teo culminan hoxe a súa participación nun campus internacional arredor do activismo medioambiental que se celebra en Lisboa. Trinta mozas e mozos de sete países europeos e de Cabo Verde acoden a este encontro organizado polo proxecto ‘People & Planet’, do que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade fai parte.
A actividade deu comezo o pasado venres e desde entón o grupo afondou en cuestións como a acción climática, a participación xuvenil e a incidencia política da man de monitoras especializadas, a través da metodoloxía do design thinking e de ferramentas como a teoría do cambio ou a tormenta de ideas. Ademais, traballaron en contacto coa natureza nas praias e bosques da Costa da Caparica, mesmo para abordar cuestións de saúde mental como o paso da ansiedade climática á esperanza climática.
“Estou a aprender estratexias e recomendacións que podo aplicar no día a día e tamén nos voluntariados nos que participo”, explica Marta González, natural do Rosal e membro do Consello Climático da Guarda. Segundo a representante de Oleiros, Aria Rocha, “resulta moi interesante intercambiar ideas con xente tan diversa, pois saen propostas moi variadas que che fan reflexionar e permiten crear pensamento colectivo”. En canto ás estudantes de Teo, “vai ser inesquecible esta primeira experiencia compartindo opinións con xente doutros países”, asegura María Blanco, mentres que para Montse Mayo “o mellor foi coñecer outra xente nova e os seus costumes, alén de tirar aprendizaxes moi útiles para futuros proxectos”.
O programa en Lisboa remata hoxe, Día da Terra, cunha sesión sobre a desinformación e mais as conclusións finais, pero o labor dos Consellos Climáticos Xuvenís continúa tanto nos tres concellos citados como no das Neves. Ademais de elaborar propostas concretas dirixidas a cada un dos gobernos locais para favorecer a sustentabilidade, os catro grupos están a elaborar documentos comúns sobre temáticas que lles preocupan, como os incendios forestais, a auga ou a enerxía eólica, alén de organizar as súas propias actividades. Así mesmo seguen abertos á incorporación de mozas e mozos da contorna que queiran sumarse.