O programa Especialistas en Cooperar enviará persoal municipal a Mozambique e Cabo Verde

O programa Especialistas en Cooperar enviará persoal municipal a Mozambique e Cabo Verde

O programa Especialistas en Cooperar enviará persoal municipal a Mozambique e Cabo Verde 2560 2560 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de lanzar unha nova edición do programa Especialistas en Cooperar, que permitirá a catro técnicas e técnicos da administración local colaborar cos municipios parceiros da entidade en Mozambique e Cabo Verde. As estancias prolongaranse durante un máximo de trinta días e as persoas seleccionadas poderán viaxar entre xullo de 2024 e maio de 2025 en réxime de voluntariado ou ben solicitando unha licenza específica ao abeiro da lexislación autonómica.

A cooperación técnica é unha das ferramentas máis potentes e distintivas da cooperación internacional ao desenvolvemento impulsada polos gobernos locais, pois supón aproveitar o know how dos municipios para reforzar as capacidades das administracións públicas e organizacións das sociedades máis desfavorecidas, facilitando respostas profesionais e formación adecuada ás súas necesidades. Ese é precisamente o principal obxectivo de Especialistas en Cooperar, que tamén favorece o intercambio de experiencias e un maior coñecemento da realidade dos países cos que o Fondo Galego está a colaborar.

En Cabo Verde ofértanse dúas prazas no Municipio do Tarrafal, na Illa de Santiago, que solicitou apoio para impulsar un desenvolvemento económico local sustentable e participativo. Trátase dun proxecto a catro anos que nesta primeira fase se centrará na identificación dos recursos agrícolas e ambientais, de aí que os perfís solicitados sexan o de especialista en desenvolvemento económico local e o dunha técnica ou técnico agrícola.

No caso de Mozambique, a misión será apoiar a sustentabilidade e xestión financeira dos municipios de Manhiça e Namaacha, na provincia de Maputo, unha iniciativa a medio prazo que arrincará tamén cunha diagnose sobre o cobro de taxas e impostos locais. Requírese, por tanto, de dúas técnicas ou técnicos de economía e finanzas municipais, que poidan detectar as potencialidades, elaborar unha guía de recomendacións e impartir formación.

Empregadas e empregados das deputacións e concellos de Galicia teñen ata o 14 de xuño para solicitar a súa participación no programa Especialistas en Cooperar, que cubre todos os gastos derivados do desprazamento e a estadía. As candidaturas presentaranse cubrindo o formulario online e enviando o currículo e unha carta de motivación a info@fondogalego.gal, tal e como requiren as bases. Alén da formación e a experiencia, valorarase a vinculación co eido da cooperación e do desenvolvemento sostible. Asemade, terán preferencia as persoas que traballen nunha administración local socia do Fondo Galego.

As persoas interesadas no programa poderán participar ademais en senllas sesión informativas os días 4 e 5 de xuño, a primeira sobre Mozambique e a segunda sobre Cabo Verde, ambas as dúas ás 12 horas en formato virtual. Especialistas en Cooperar conta co financiamento da Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID), mediante a Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad. A través das iniciativas de cooperación técnica do Fondo Galego, desde o ano 2005 un total de 53 empregadas e empregados da administración local teñen colaborado cos parceiros da entidade en Nicaragua, Cuba, Perú, Mozambique e Cabo Verde, contribuíndo así á mellora da calidade de vida da poboación e xerando fluxos de coñecemento compartido.

Bases EeC 2024
Formulario de solicitude

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información