Seis vilas galegas acollerán entre o 18 e o 31 de marzo outros tantos encontros das Redes Municipalistas Solidarias que coordina o Fondo Galego de Cooperación. Nestes encontros participan as técnicas e técnicos encargados das cuestións relacionadas co Fondo Galego en cada unha das 99 Administracións socias. Nas xuntanzas réndense conta dos proxectos realizados en países do Sur e dos que se apoiarán este ano, así como das actividades de concienciación que as Deputacións e os Concellos asociados poderán desenvolver co Plan de Sensibilización 2011.
As Redes Municipalistas Solidarias reuniranse entre o 18 e o 31 de marzo en Pontevedra, Tomiño, Lugo, A Pobra, A Coruña e Ourense. Estes encontros con representantes da Secretaría Técnica do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade van dirixidos ao persoal técnico municipal e provincial, que decide a cal acudir, aínda que tamén poden asistir as delegadas e delegados políticos da asociación en cada administración adherida. Nesta ocasión, convidouse asemade ás persoas responsables das relacións cos medios nos Concellos e Deputacións, para que poidan difundir as iniciativas nas que participan.
Entre os proxectos internacionais dos que se informará, atópanse os apoiados en Cabo Verde, Mozambique, Nicaragua, Perú e a intervención de post-emerxencia no Haití. Pero o papel das técnicas e técnicos municipais e provinciais destaca sobre todo na implementación de actividades de sensibilización en materia de cooperación para o desenvolvemento propostas polo Fondo. Entre elas áchanse o espectáculo ‘Contos coas mans abertas’, a próxima xira do programa de teatro social TeatrAcción ou exposicións sobre a paz, os Obxectivos do Milenio, Nicaragua e a nova mostra ‘Influír no global desde o local: as entidades locais galegas perante un mundo inxusto’.
As Redes Municipalistas Solidarias deste primeiro semestre darán comezo na Deputación de Pontevedra o venres 18 de marzo. O día 21 a xuntanza terá lugar no Concello de Tomiño, mentres que o mércores 23 celebrarase no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra. O Centro de Atención á Discapacidade da Pobra do Caramiñal acollerá o encontro do 25 de marzo e o martes 29 a reunión será no equipamento Espazo Solidario da Coruña. As Redes Municipalistas Solidarias pecharanse en Ourense o 31 de marzo, no Centro de Iniciativas Empresariais. Todas as xuntanzas darán comezo ás 11 horas.