Publícase a primeira avaliación conxunta sobre a cooperación municipal directa e os irmandamentos

Publícase a primeira avaliación conxunta sobre a cooperación municipal directa e os irmandamentos

Publícase a primeira avaliación conxunta sobre a cooperación municipal directa e os irmandamentos 600 446 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade, xunto coa Secretaría de Estado de Cooperación Internacional, veñen de publicar o ‘Informe de Avaliación sobre Cooperación Municipal Directa a través do Instrumento do Irmandamento’, un traballo realizado durante os últimos dous anos e que conta con municipios representativos de todo o Estado.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade contribuíu á elaboración deste documento co estudo ‘Os irmandamentos en Galicia: Globalización, redes e goberno local’, onde Daniel González Palau analiza de xeito pormenorizado o percorrido e significado destas fórmulas de colaboración entre Concellos galegos e non galegos. O resultado deste traballo foi publicado polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) na colección Texturas Internacionais.

Coa presentación do novo ‘Informe de Avaliación’, a Confederación de Fondos pretende impulsar a inscrición das políticas locais de cooperación dentro da execución de procesos de planificación estratéxica de longo alcance. Trátase de políticas promovidas directamente desde o goberno municipal como parte da súa estratexia de desenvolvemento local, ou levadas a cabo no marco multilateral.

O documento repasa os principios que deron paso á cadea de irmandamentos, desde os primeiros Concellos democráticos na década dos anos 70, e analiza a súa evolución e situación actual. Sinala, ademais, o compromiso do mundo local coa cooperación ao desenvolvemento e o esforzo por superar o eterno binomio doador-receptor. O estudo supuxo unha análise exhaustiva de trece Concellos do Estado, oito deles pertencentes ao ámbito de actuación dos fondos de cooperación internacional.

A Confederación de Fondos

A Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade é un marco de coordinación e de representación conxunta dos distintos fondos de cooperación existentes no Estado español. Na actualidade, está integrada polo Fons Català de Cooperació al Desenvolupament, Euskal Fondoa-Asociación de Entidades Locales Vascas Cooperantes, Fons Valencià per la Solidaritat, Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Fondo Andaluz de Municipios para la Solidaridad Internacional (FAMSI), Fondo Extremeño Local de Cooperación al Desarrollo (FELCODE) e o Fondo Canario de Solidaridad Internacional y Cooperación al Desarrollo. Ademais do Fondo Castellano-Manchego de Cooperación e o Fondo Cantabria Coopera, como entidades colaboradoras.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información