O Encontro sobre a Cooperación Internacional en Galicia clausurouse este mediodía coa lectura das conclusión por parte dos representantes das entidades organizadoras, a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
A xornada comezou cunha mesa redonda sobre ‘O papel das universidades na cooperación internacional en Galicia’. Representantes dos departamentos nos que se enmarca a cooperación nas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, coincidiron en reivindicar o valor engadido das universidades como axentes de cooperación especializados na “transferencia de coñecementos” ás organizacións socias locais dos países do Sur.
As tres universidades galegas apostan, ademais, pola posta en marcha do Observatorio Interuniversitario de Cooperación, un instrumento pensado non só para coordinar as actuacións que se levan a cabo neste eido, senón tamén para visibilizar o traballo realizado en cada unha das universidades. A posta en marcha desta ferramenta estaba prevista no Plan Anual de Cooperación 2010, pero a falta de coordinación e entendemento entre as tres universidades galegas non permitiu o cumprimento dos prazos. A USC, a UdC e a UVigo xestionaron o ano pasado 2 millóns de euros en cooperación ao desenvolvemento.
A derradeira mesa do Encontro contou coa participación das tres forzas políticas con representación en Galicia. Interviñeron a coordinadora de Cooperación Internacional do PSdeG-PSOE, Margarita Pérez Herraiz, a deputada do PPdeG no Parlamento Galego, María Seoane, e a deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández. Todas elas, aínda que con matices, reafirmaron o compromiso dos seus partidos coa cooperación internacional. Un compromiso que, lembraron, quedou fixado na sinatura do Pacto Galego contra a Pobreza o 16 de outubro de 2010.
As persoeiras dos tres partidos asumiron as dificultades para a aplicación e consecución do 0,7% do orzamento dedicado ás políticas de loita contra a pobreza como consecuencia dos recortes orzamentarios. Nese senso, representantes de distintas ONGD recrimináronlles que os recortes son moito máis acusados nas partidas de cooperación ao desenvolvemento que noutros eidos: un 21% no orzamento do goberno galego para 2011.
Así chegou ao seu remate o Encontro sobre a Cooperación Internacional en Galicia que se celebrou os días 11 e 12 de marzo en Santiago de Compostela e que contou coa salientable presenza da secretaria de Estado de Cooperación Internacional, Soraya Rodríguez. A subdirectora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Pilar Romero, participou asemade na inauguración oficial de onte.
Na primeira xornada debateuse sobre o papel das axencias autonómicas de cooperación e sobre o comercio xusto e a compra pública ética, a nova normativa de subvencións e a cooperación galego-portuguesa na lusofonía. Celebrouse un interesante obradoiro de experiencias no que a ONGD Solidariedade Galega expuxo o traballo cos mergulladores en Centroamérica para evitar as graves secuelas da falta de formación, o colexio de Monfero amosou o seu labor en materia de educación para o desenvolvemento e o arquitecto Jorge Duarte relatou as súas vivencias como participante do programa Vacacións con Traballo en Santiago de Cuba.