Pablo Rodríguez: “O papel das ONGD é canalizar a solidariedade cidadá para ser xerme doutra sociedade posible”

Pablo Rodríguez: “O papel das ONGD é canalizar a solidariedade cidadá para ser xerme doutra sociedade posible”

Pablo Rodríguez: “O papel das ONGD é canalizar a solidariedade cidadá para ser xerme doutra sociedade posible” 1199 958 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O coordinador rexional en Galicia da Fundación Entreculturas, Pablo Rodríguez, disipou as dúbidas sobre o traballo e xestión das ONGD galegas das persoas participantes no encontro dixital #Alén2015 de setembro, celebrado o pasado venres 26 nas redes sociais do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. O obxectivo desta conversa online é facer unha valoración crítica e invitar ao debate da cidadanía en torno á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), que conclúen en 2015, así como achegar diversas propostas de cara á Axenda Post 2015.

Pablo Rodríguez Soengas (Pontevedra, 1974) é licenciado en Ciencias Económicas, diplomado en Xerencia Social e en Relacións de Xénero e Desenvolvemento, ademais de experto en Cooperación ao Desenvolvemento Sostible. Comezou a súa traxectoria profesional como cooperante no Centro de Capacitación Agroindustrial 'Jesús Obrero' de Perú. Dende o ano 2003 forma parte do equipo de traballo da Fundación Entreculturas, onde desempeñou distintos labores. Na actualidade, é o coordinador rexional en Galicia desta entidade. É membro da Comisión de Incidencia da Coordinadora Galega de ONGD e vén de incorporarse ao padroado de Taller de Solidaridad.

1. Que balance fai a Coordinadora Galega de ONGD dos ODM e que recomendacións suxire para a Axenda Post 2015, tendo en conta o marco no que se desenvolven os encontros dixitais #Alén2015?

Eu diría que en xeral non hai unanimidade sobre balance do cumprimento dos ODM, e tampouco no terceiro sector. Polos datos que temos xa sabemos que chegado 2015 o nivel de logro dos ODM vai ser moi desigual, tanto se o miramos por obxectivo coma por países. Outra cousa é se os ODM son moito ou pouco ambiciosos na loita contra a pobreza, e se marcan un compromiso esixible ou un horizonte utópico. Segundo a posición que teña un ao respecto, fará unha valoración máis positiva ou menos dos ODM.

A miña opinión é que os ODM no son especialmente ambiciosos na loita contra a pobreza pero ao mesmo tempo houbo un consenso internacional ata entón inédito na historia, pois foron aprobados por 189 países (no ano 2000). Pero si podemos falar de logros. En termos xerais, hai logros significativos na:

– Redución da pobreza extrema.
– Acceso a auga potable.
– Loita contra o paludismo e a tuberculose.
– Escolarización en Primaria.

Sobre este último punto da escolarización temos un dato:
– No ano 2000: 102 millóns de nenos e nenas sen ir a escola.
– No ano 2011: 58 millóns de nenos e nenas aínda non van a escola.
Estes datos valóroos de forma moi positiva, pero aínda queda moito camiño por percorrer. É necesario un maior compromiso político e esforzo inversor. Se queredes saber máis sobre este tema, en concreto, sobre o avance educativo dos ODM déixovos esta ligazón.

E respecto a Axenda Post 2015, entre os novos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) xa se sabe que se van considerar novos temas como:

– A desigualdade, como tema crucial.
– O cambio climático.
– Os cambios demográficos.
– Xénero e xuventude.
– Fluxos migratorios.

Para min, o reto é converter os novos ODM (ODS) en utopías viables.

2. As actuais campañas das ONGD cumpren cos códigos de imaxes e mensaxes establecidos pola Coordinadora?

Como seguro que moita xente non coñece os códigos de conduta que temos as ONG, pásovos un link onde podedes descargalo.

Eu diría que as campañas das ONGD Galegas cumpren cos códigos éticos establecidos, e non tanto porque sexa un requisito que "hai que cumprir" senón porque cremos que os protagonistas desta historia non somos nós -as ONG- senón as persoas para as que traballamos a reo e as súas loitas.

A comunicación é unha ferramenta fundamental que utilizamos as ONG para sensibilizar e concienciar a poboación, pero tamén para recadar fondos. Nesas campañas somos a voz de moitas situacións no mundo que non son noticia. Claro que hai moitas formas de contalas. Para min o fundamental é ter en conta estes dous aspectos:

A) Non simplificar a realidade, nin presentar situacións estereotipadas de ricos e pobres: explicar as causas da pobreza e denuncialas.

B) Amosar absoluto respecto pola dignidade das persoas: os protagonistas son eles, non somos as ONG; non son meros receptores da axuda, nin dependentes.

Pensade nun exemplo dunha campaña que vos veña á cabeza e facede a proba do "algodón", isto é, ver que tipo de mensaxes transmiten, que imaxes se trasladan das persoas, etc. Coido que cada quen distingue perfectamente un tipo de mensaxe asistencialista doutra máis corresponsable.

3. Gustaríame saber que tipo de ONG son máis numerosas na coordinadora galega (ámbitos do terceiro sector).

Na Coordinadora somos máis de 40 ONG que chamamos de "desenvolvemento". Os nosos ámbitos de actuación son diversos, hai ONG especializadas nun sector e outras que tocan diversos sectores. Por exemplo, no eido da saúde traballan Médicos do Mundo, Terra de Homes, Ecos do Sur, Solidariedade Galega; no sector medioambiental traballan Amigos da Terra, Arquitectos Sen Fronteiras-Galicia; na loita contra a pobreza traballa a Asemblea de Cooperación pola Paz; en xénero Solidariedade Internacional; en educación InteRed, Entreculturas, Educación Sen Fronteiras, Taller de Solidaridad.

Como ves, hai moita diversidade de traballo, e a Coordinadora aglutina esa diversidade en diferentes comisións.

4. Canto fixo aumentar o labor das ONG a irrupción da crise? Esta situación económica modificou o público obxectivo? É dicir, máis dedicación nas nosas cidades que no estranxeiro?

A crise estanos a afectar a todos os niveis, a Coordinadora Galega de ONGD publica todos os anos información ao respecto (pásovos o último informe). Concretamente no que preguntas, diríache que hai varias ONG que si abriron ou intensificaron o seu labor en España, como Axuda en Acción ou Educo. Con todo, diría que a maior parte das ONG que somos de Desenvolvemento seguimos mantendo como prioridade o traballo nos países do Sur. O que si é importante sinalar é que o traballo das ONG tanto en Galicia coma nos países do Sur, estase a resentir moito por motivo da crise, tal e como amosa o informe que pendurei.

5. Imaxinas un mundo sen ONG? Por que é importante o voso labor?

A verdade é que nada me gustaría máis que un mundo sen ONG porque iso significaría que xa non hai xente que pasa fame, nenas e nenos sen escolarizar, xente sen acceso a auga potable, etc. O noso papel é canalizar a solidariedade dos cidadáns, neste caso da cidadanía galega, para ser xerme e exemplo de que outra sociedade é posible, de que outro mundo é posible. Temos que informar e denunciar, ser voz dos que non teñen voz, sen esquecernos de facer presión aos representantes políticos para que cumpran os compromisos que firman para a loita contra a pobreza, alí onde se atope.

6. Que pode facer un cidadán do Norte de xeito individual na súa vida cotiá para avanzar cara ao desenvolvemento global?

É unha pregunta moi necesaria, porque parece que os ODM se xogan nas Nacións Unidas e moito do que falamos xógase nas decisións cotiás. Por exemplo, no consumo hai moitas organizacións en Galicia que teñen tendas de comercio xusto (Intermón Oxfam, Panxea, Solidariedade Internacional, Amarante-Setem, Árbore). Outra forma de consumir é posible e, sobre todo, necesaria.

E tamén outras finanzas son necesarias, xa temos en Galicia operando a institucións de finanzas éticas. Triodos Bank ten sede na Coruña, e Fiare Banca Ética vai a estar operativa o próximo ano.

E por último, invítovos a colaborar coas ONG, tanto como voluntarias ou voluntarios como economicamente.

7. Que papel xoga o voluntariado tendo en conta que en setembro as ONG galegas só contaban con 6 persoas contratadas en terreo? Con que alternativas de financiamento contades?

A verdade é que o persoal contratado en terreo é fundamental para o noso  labor, e a súa diminución repercute moi negativamente no traballo que facemos. O voluntariado ten outras funcións nas nosas ONG que son complementarias ás do persoal contratado, e certamente son de moita axuda. Ademais, para as ONG o voluntariado non é unha axuda para o noso traballo, senón un fin en si mesmo, como expresión concreta da cultura de solidariedade que queremos promover na sociedade galega.

Que alternativas temos á caída dos fondos públicos? A maior parte das ONG están cambiando o seu patrón de ingresos, medran os fondos privados. Nos últimos anos a dependencia de fondos públicos das ONG foi diminuíndo progresivamente, claro que foi máis por necesidade que por opción. Unha maior independencia económica é fundamental, e coido que aínda temos espazos que gañar.

8. Dá a sensación de que, actualmente, as ONG están demasiado expostas a recadar cartos, sobre todo, de forma invasora nas rúas.  É o ideal?

É certo que nestes tempos de crise a procura de fondos estase a converter nun tema prioritario no terceiro sector. Tal e como dis, obsérvase unha maior presenza nas rúas de captadores de fondos. Pero esta modalidade non é xeral no sector. O que sucede é que, como están en centros comerciais ou rúas céntricas, son moi visibles. Entendo perfectamente que para moita xente esta forma de captar é invasora. Eu persoalmente prefiro outras estratexias de captación.

9. É posible evitar a dependencia económica do sector público, das administracións?

Claro que é posible, e ademais dáse a circunstancia de que a contribución económica que fan os cidadáns en España ás ONG está moi por debaixo da media europea. Segundo un informe da Asociación Española de Fundraising, un 80% dos españois confía nas ONG, pero só 1 de cada 10 colabora de forma sostida. O reto é como facer que parte dese 80% de poboación que confía nas ONG, tamén nos confíe os seus cartos. Pásovos un artigo onde se menciona o importante apoio social que teñen as ONG pero o escaso apoio económico, foi una nova que saíu en varios medios.

Por outra banda, está a colaboración ONG-empresas, pero ese é un tema que daría para outro ciberencontro.

10. Falas do consumo responsable. Efectivamente, detrás da irresponsabilidade consumista están moitas políticas que desequilibran o mundo. En diversas viaxes de traballo ao Sur, comprobo que incluso nas comunidades máis remotas confunden desenvolvemento con consumo e nivel de vida con nivel de renda. Que difícil me resulta explicarlles isto! Podes darme argumentos?

Coido que é un tema ben complexo porque a pregunta que é preciso facerse é: Que necesito para ser feliz? Segundo se responda a esta cuestión levaremos unha vida ou outra, e claro que o consumismo é un problema, e non só ético, senón e, sobre todo, ambiental. Hai un ano un rapaz preguntoume: "Eu por que non vou poder cambiar de móbil cada ano? Por que non podo desexar que toda a xente do mundo teña un móbil de última xeración?" Pois non podes, porque non hai planeta que o resista. Un nivel de consumo coma o noso no mundo é incompatible cos recursos da Terra. Por iso as ONG traballamos tamén en Galicia concienciando á xente máis nova, nos colexios ou institutos, porque das decisións de consumo que tomemos hoxe depende o planeta.

11. Non cres que se o reparto da riqueza fora outro non habería tanta pobreza?

Absolutamente, e coido que ese é un dos puntos centrais da nova Axenda global de desenvolvemento Post 2015: a desigualdade. Agora xa non fai falta mirar a África ou a América Latina para entender os efectos do sistema económico mundial, xa os temos na nosa porta. Vemos todos os días como os ricos son cada vez máis ricos, por iso desde as ONG temos que seguir denunciando esta situación. Neste senso, o 17 de outubro celébrase o día para a erradicación da pobreza. As ONG participamos todas na campaña Pobreza Cero. O lema destes tempos era "Contra a riqueza que empobrece", e non podía estar máis de moda. Animo desde aquí a toda a xente a que se sume aos actos, concentracións, manifestacións que se farán en Galicia ese día.

12. Cal é a importancia da vinculación entre proxectos solidarios e deportistas ou actividades deportivas. Casos irmáns Gasol, Casillas, Nadal….

Penso que as actividades deportivas en xeral son un medio privilexiado para desenvolver accións solidarias, e como exemplo temos na actualidade multitude de carreiras benéficas, torneos de pádel benéficos, etc. A presenza dun "famoso" sempre ten un efecto notoriedade importante, pero moitas veces a mensaxe quédase máis no folclórico que outra cousa.

13. Como valora o papel do voluntariado e como está nestes momentos (en fase de crecemento, estancado ou hai problemas para atraer as persoas para colaborar nestas ONG)? Se é así, por onde pasa a solución?

Sobre o papel do voluntariado xa comentei algunhas cousas, sobre a súa evolución, a Coordinadora Galega de ONGD elabora todos os anos una enquisa onde unha das preguntas vai nesa dirección. De acordo con esta enquisa, en Galicia o número de voluntarios que colaboran nas ONGD nestes anos de crise aumentou. O cal valoramos moi positivamente.

Sobre este tema, aproveito este espazo para compartir una información que vos pode interesar. En Entreculturas ofrecemos tanto a posibilidade de desenvolver un labor de voluntariado nas delegacións de Galicia como a posibilidade de realizar experiencias de voluntariado internacional. Moita xente nos pregunta porque quere facer o voluntariado nun país de América Latina ou África, e moitas das ONG da Coordinadora Galega de ONGD temos programas de voluntariado internacional. Simplemente pasarvos o vídeo do programa de voluntariado internacional VOLPA (1 ou 2 anos no terreo).

14. Das ONGD que participan na Coordinadora Galega, cal xestiona maior número de recursos humanos? E se coñecedes o dato, houbo algunha ONGD que desaparecese nos últimos tres anos? De ser o caso, cal foi o motivo?

Nestes anos o número de persoas que traballan nas ONG galegas de Cooperación ao Desenvolvemento descenderon notablemente, como xa comentamos. En termos xerais, as ONG galegas teñen uns equipos modestos, apenas hai organizacións que teñan máis de tres persoas contratadas. Ollo! Non falo de ONG que traballan en acción social en Galicia, como Cáritas, Cruz Vermella, Fundación Secretariado Xitano, etc. Falo de organizacións de cooperación coma Intermón Oxfam, Axuda en Acción, Solidariedade Internacional, Asemblea de Cooperación pola Paz, etc.
Nos últimos anos desapareceu algunha organización, outras fusionáronse: Educación Sen Fronteiras + Intervida = Educo, por exemplo. Hai varios exemplos de fusións, absorcións, alianzas estratéxicas, etc. Neste senso, pódese dicir que os tempos están a cambiar.

15. Podemos falar de progreso cando sempre existiu un Terceiro Mundo? O papel da ONU non o entendo. Ao final a solidariedade dos obreiros está a ser máis determinante que a dos poderosos.

A túa reflexión é moi interesante. De que clase de desenvolvemento estamos a falar cando se deixa sistematicamente excluído a 2/3 da poboación mundial? Nestes días estase a celebrar a Asemblea de NN.UU. e estanse a debater as novas propostas Post 2015. Unha valoración crítica que se está a facer dende as ONG é que é preciso incorporar aspectos económicos relacionados co cambio de modelo produtivo, do contrario será máis do mesmo.

16. A nivel máis local, seguirá Entreculturas apostando por realizar carreiras solidarias?

A resposta é que si imos seguir organizando a carreira solidaria 'Corre por una causa'. O primeiro ano corremos por Haití e este ano imos correr por Ecuador. Aínda non temos as datas da carreira do ano 2015, pero informarémosvos.

17. É posible, por exemplo, un continente africano que non sexa o "laboratorio" do mundo desenvolvido?

É absolutamente necesario. Nestes días, África está na axenda internacional polo ébola, afondando nos estereotipos do Sur, das imaxes que damos de África. Pero apenas están a falar de Sudán do Sur, por exemplo, que vive unha crise humanitaria sen precedentes

Nós estamos a traballar alí en campos de refuxiados, e temos por proxectos parados pola violencia e pola inseguridade. É certo que a xente responde de forma máis inmediata ante catástrofes humanitarias (terremotos, tifóns, etc.). Pero é imprescindible a colaboración da xente, o apoio da cidadanía no traballo diario da loita contra a pobreza, especialmente en África.

Coido que todos temos tarefa por diante: as ONG para chegar efectivamente á cidadanía, e a cidadanía para comprometerse con causas que pagan a pena, non só emocionalmente, senón economicamente.

E, por último, déixovos a web da Coordinadora Galega de ONGD onde podedes atopar toda a información relativa ao noso traballo, tanto en Galicia coma nos países do Sur.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información