Persoal dos concellos de Pontevedra e Allariz a atópase en Cabo Verde e Nicaragua, respectivamente, para colaborar cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade a través das Vacacións con Traballo. O programa de voluntariado en países do Sur dirixido aos cadros das deputacións e concellos socios da entidade asóciase este ano a senllos proxectos que buscan fomentar alternativas de desenvolvemento económico endóxeno.
A técnica de Orientación Laboral no consistorio pontevedrés, Emma Teixeira, participa no fortalecemento dunha cooperativa de mulleres artesás na municipalidade caboverdiana de Ribeira Grande, mentres que a técnica de Comunicación e Turismo allaricense, Estela Iglesias, apoia a iniciativa de turismo comunitario liderada pola ONGD nicaraguana Instituto de Promoción Humana-Somoto. Ambos os dous proxectos están cofinanciados polo Fondo Galego, cunha achega extraordinaria do Concello de Vigo.
Emma Teixeira, que partiu o 13 de setembro e volve o 12 de outubro, explica que "a experiencia está a ser marabillosa polas mulleres, por compartir vivencias e porque sobre o terreo comprobas a importancia da cooperación internacional". Na cooperativa A Sulada, as integrantes reciben formación en artesanía, xestión, alfabetización, autoestima, etc. "As mulleres de aquí lémbranme moitísimo ás galegas: fortes, decididas, loitadoras, mulleres moi traballadoras ás que nunca se lles recoñece ese esforzo", di a voluntaria.
Estela Iglesias, que viaxou o 24 de setembro e regresa o 25 de outubro, comezou por visitar as distintas accións que coordina o Inprhu-Somoto no eido do turismo sostible e considera que "aínda están na fase de despegue, pero as potencialidades son moitas". No entanto, estima que a posta en marcha deste programa "xa é un éxito en si, porque conseguiu que boa parte das persoas das comunidades cambien de mentalidade e valoren os seus recursos como unha oportunidade". As experiencias de ambas as dúas poden seguirse no blog.