O Fondo Galego comparte en Holanda a súa experiencia na educación para o desenvolvemento

O Fondo Galego comparte en Holanda a súa experiencia na educación para o desenvolvemento

O Fondo Galego comparte en Holanda a súa experiencia na educación para o desenvolvemento 640 480 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade comparte entre onte e hoxe en Holanda a súa experiencia no eido da educación para o desenvolvemento con entidades neerlandesas, alemás e portuguesas. O intercambio de boas prácticas encádrase na segunda fase do proxecto europeo Redes para o Desenvolvemento.

Baixo o epígrafe ‘Aprendizaxe global para unha efectiva cooperación ao desenvolvemento’, as actividades deron comezo onte no Concello de Amsterdam, onde o Consello Nacional para Parcerías das Cidades entre Países Baixos e Nicaragua (LBSNN) presentou o seu traballo. Xa pola tarde, a comitiva trasladouse ao veciño municipio de Helmond co fin de coñecer as iniciativas de educación para a cidadanía global que se levan a cabo nunha escola, na que tiveron a oportunidade de entrevistarse con estudantes e profesorado.

Na xornada de hoxe mércores, debaterase sobre as metodoloxías e materiais empregados polos distintos socios do proxecto europeo: o Instituto Marquês de Valle Flôr (Portugal), Fine+p (Alemaña), LBSNN (Holanda) e o propio Fondo Galego. O secretario da asociación municipalista, Daniel González Palau, explicará como os concellos conciencian contra as desigualdades a través de contacontos, obradoiros, cine, exposicións ou unidades didácticas.

Avalado pola UE
O Fondo Galego ofreceu o seu asesoramento para promover redes de cooperación descentralizada durante a primeira fase de Redes para o Desenvolvemento, que culminou coa creación da Rede Intermunicipal de Cooperaçao ao Desenvolvemento en Portugal e a xeración en Alemaña dun tecido de municipios irmandados con localidades nicaraguanas. No período 2014-2017, volve achegar a súa experiencia a entidades tanto destes dous países como de Holanda, desta volta co obxectivo de fortalecer as autoridades locais europeas en accións de educación para o desenvolvemento e para a cidadanía global.

As metas específicas pasan por capacitar as autoridades locais en accións de educación para o desenvolvemento, promover boas prácticas e parcerías multiactor europeas e incorporar a participación da cidadanía nas políticas de cooperación. No marco do proxecto cofinanciado pola UE, o Fondo Galego presentará o seu modelo de cooperación municipalista en rede a través de obradoiros de traballo nos distintos países implicados.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información