O presidente da Illa do Príncipe coñece as boas prácticas ambientais de Nigrán, O Rosal, Moaña e A Laracha

O presidente da Illa do Príncipe coñece as boas prácticas ambientais de Nigrán, O Rosal, Moaña e A Laracha

O presidente da Illa do Príncipe coñece as boas prácticas ambientais de Nigrán, O Rosal, Moaña e A Laracha 1824 1412 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O presidente da Rexión Autónoma do Príncipe, Felipe Nascimento, visita esta semana os concellos de Nigrán, O Rosal, Moaña, A Laracha e mais a Deputación de Pontevedra para coñecer boas prácticas medioambientais. Esta illa africana, pertencente á República Democrática de São Tomé e Príncipe e declarada Reserva da Biosfera pola UNESCO, acollerá entre o 23 e o 26 de outubro o IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade baixo o lema ‘Gobernanza local para o desenvolvemento sustentable’.

O presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, recibiu esta mañá xunto con outros membros da Corporación a Filipe Nascimento, que viaxa acompañado do asesor gobernamental Antonio Machiaba. A comitiva desprazouse ata as instalacións da comunidade de augas de Piñeiros (Camos), que abastece a 36 vivendas, e tamén ao o futuro parque forestal Os Matos-Río Táboas, unha área de 420.000 m² gravemente afectada polos incendios de 2017 na que se están a realizar traballos de recuperación do bosque autóctono e posta en valor dos elementos etnográficos. Xa pola tarde, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, e o seu equipo de goberno compartirán cos convidados africanos as principais liñas de actuación en materia de sustentabilidade ambiental e mais as obras de humanización levadas a cabo na vila para ofrecer espazos públicos de calidade.

Mañá xoves a axenda dará comezo cunha recepción institucional no Concello de Moaña por parte da alcaldesa, Leticia Santos, e outros concelleiros, cos que o presidente do Príncipe visitará a continuación varias iniciativas: os xardíns municipais recoñecidos con Bandeira Verde, os composteiros ou o punto limpo de proximidade. De seguido, haberá oportunidade de continuar intercambiando experiencias en materia de compostaxe na Deputación de Pontevedra, que xa colaborou co goberno da illa impartindo formacións no marco do Plan Revitaliza para a xestión dos biorresiduos. A xornada concluirá na Laracha, onde representantes municipais explicarán o plan estratéxico ambiental municipal, alén de achegarse ao punto limpo e mais á zona verde do parque empresarial, para coñecer in situ o proxecto de xestión deste espazo de gran riqueza natural.

Os encontros entre autoridades galegas e africanas culminarán o venres en Santiago de Compostela nunha xuntanza co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo. Ademais, a delegación do Príncipe atoparase con responsables da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, coa que a illa está irmandada, da man do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA). Así mesmo, reunirase con representantes do Fons Menorquí de Cooperació, que está a explorar a posibilidade de impulsar no arquipélago un proxecto de cooperación internacional no que tamén podería participar o Fondo Galego.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información