Dous técnicos e unha técnica dos concellos de Boiro, Lousame e Pontedeume desprazaranse no último trimestre do ano a Mozambique e Cabo Verde para colaborar cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que os tres municipios son socios, a través do programa Especialistas en Cooperar. Trátase da segunda edición desta iniciativa de cooperación técnica, cuxa resolución se fai pública coincidindo coa conmemoración do Día das Persoas Cooperantes.
As tarefas de Jaime Bello, educador social do Concello de Boiro, van estar vinculadas á promoción do dereito á educación e á saúde da infancia do rural mozambicano que o Fondo Galego leva anos apoiando a través da Fundação Encontro. Participará da vida diaria da Casa do Gaiato, que acolle uns 180 nenos, “traballando principalmente co grupo de mocidade e aplicando sempre a perspectiva de xénero”, comenta o técnico. “Agardo desta experiencia unha aprendizaxe mutua e poñer a disposición do persoal local os meus coñecementos”, engade, recoñecendo que “haberá que adaptarse ás necesidades que se vaian detectando”.
Néstor Romero, técnico de deportes de Lousame, volverá ao municipio de Nhamayábue, onde o ano pasado viviu “unha experiencia única e tremendamente enriquecedora”, asegura. Alí puido comprobar que “esta vila aposta polo deporte como ferramenta integradora, educativa, saudable…”. “O que me motivou a volver foron as persoas do lugar e estou encantado de poder contribuír coa miña experiencia ao desenvolvemento desta sociedade”, engade. Agora continuará traballando na elaboración dun programa deportivo que involucre a todas as faixas de idade, ademais de impartir formacións. Ao tempo, aproveitará para supervisar o proxecto de abastecemento de auga que o Fondo Galego financiou na zona.
Pola súa banda, Marián Castro candidatouse á praza en Cabo Verde despois de participar o ano pasado no II Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, organizado no arquipélago africano en colaboración coa Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos. A psicóloga do Concello de Pontedeume terá entre os seus cometidos “contribuír ao fortalecemento das capacidades municipais para promover a saúde nun sentido amplo”, explica. “Darei o máximo a nivel técnico, partindo dos meus anos de experiencia neste ámbito, pero tamén agardo impregnarme da cultura caboverdiana”, engade a técnica de Servizos Sociais.
Cooperación técnica
A cooperación técnica é unha das ferramentas máis potentes e distintivas da cooperación internacional ao desenvolvemento impulsada polos gobernos locais, pois supón aproveitar o know how dos municipios para reforzar as capacidades das administracións públicas e asociacións das sociedades máis desfavorecidas, facilitando respostas profesionais e formación adecuada ás súas necesidades. Ese é precisamente o principal obxectivo de Especialistas en Cooperar, que tamén favorece o intercambio de experiencias e un maior coñecemento da realidade dos países que o Fondo Galego está a apoiar.
A través de Especialistas en Cooperar e mais do anterior programa de voluntariado internacional para persoal municipal, Vacacións con Traballo, desde o ano 2005 un total de 50 empregadas e empregados da administración local teñen colaborado cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en Nicaragua, Cuba, Perú, Mozambique e Cabo Verde, contribuíndo así á mellora da calidade de vida da poboación e xerando fluxos de coñecemento compartido. A reconfiguración do programa, que se retomou o ano pasado tras ficar suspendido por mor da Covid-19, busca potenciar a súa dimensión de cooperación técnica no marco da Axenda 2030 e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.