Unha delegación de electas e equipos técnicos de Brasil e Italia intercambiaron experiencias arredor da mobilidade sostible cos seus homólogos nos concellos de Pontevedra e Vigo a través do proxecto AcessoCidades, cofinanciado pola Unión Europea, no que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade participa a través da Confederación de Fondos. A iniciativa, na que tamén participan o Frente Nacional de Prefeitos e a Associazione Nazionale dei Comuni Italiani, busca mellorar as políticas de mobilidade urbana a partir de criterios de igualdade, como a accesibilidade universal ou a perspectiva de xénero.
É por iso que a comitiva se interesou por un modelo urbano coma o de Pontevedra, baseado na peonalización, de xeito que os distintos puntos da Boa Vila se conectan con rutas a pé duns 15 minutos. Para isto, durante máis de dúas décadas “levouse a cabo un proceso de transformación desde unha cidade inhabitable, ruidosa, chea de vehículos, cara unha cidade pensada para as persoas”, segundo expuxo o seu alcalde, para o que “foi necesario tomar decisións políticas”.
Miguel Anxo Fernández Lores explicou que “a clave está en reducir o tráfico innecesario, recuperar o espazo público para veciñanza, facelo plenamente accesible e enchelo de actividade económica, cultural, deportiva, etc”, tendo presente que “as cidades deben de ser compactas e multisectoriais”. Foi así como Pontevedra conseguiu “mellorar a a calidade de vida, aumentar a poboación e reducir a cero os accidentes mortais”, concluíu.
Tras a recepción por parte do rexedor pontevedrés e da tenente de Alcaldía, Eva Villaverde, o grupo puido comprobar a posta en práctica deste premiado modelo percorrendo as rúas da cidade da man do director xeral de Protección Cidadá, Daniel Macenlle, a quen lle trasladaron multitude de consultas.
A delegación de Brasil e Italia desprazouse a continuación ata o Concello de Vigo, onde coñeceron o proxecto Vigo Vertical canda a concelleira Yolanda Aguiar e o propio alcalde. En palabras de Abel Caballero, “trátase dunha innovadora estratexia de mobilidade urbana que, a base de ramplas, ascensores e escaleiras mecánicas, permite a ducias de miles de persoas desprazarse sen ter que utilizar ningún vehículo”. “Agora mesmo temos uns 25 sistemas deste tipo que están cambiando a mobilidade da cidade”, apuntou o rexedor, para quen “isto vai revolucionar a forma de mobilidade nas cidades”. Ademais, “a enerxía procede de fontes renovables, co cal reducimos os niveis de contaminación”, engadiu.
Responsables técnicos municipais guiaron a visita pola cidade para coñecer distintos ascensores, un deles en inclinado, escaleiras mecánicas como as da Gran Vía ou mesmo o futuro Halo, que conectará a parte baixa e alta da cidade nunha das zonas máis transitadas e que xa se converteu en todo un símbolo. Ademais, durante a recepción no Concello, a directora de mobilidade de Xénova, Maria Cristina Carmeli, tivo ocasión de expoñer a estratexia da cidade italiana, que comparte certas similitudes con Vigo Vertical.
As delegacións de Brasil e Italia estaban encabezadas, no entanto, pola prefeita de Novo Hamburgo, Fátima Daudt, e completábase con representantes de Curitiba, Palmas, Bari e Turín. O programa para coñecer boas prácticas de mobilidade sustentable prolongarase ata o 29 de setembro en Cataluña e Euskadi.
AcessoCidades
Nun planeta absolutamente inmerso nos retos medioambientais, o proxecto ‘AcessoCidades: cidades máis accesibles e conectadas’ quere promover o intercambio de experiencias entre países do Norte e do Sur Global para fomentar unha mobilidade sostible a partir de criterios de equidade. Ademais da sustentabilidade ambiental, a mobilidade urbana ten moitos outros retos por diante, como son o financeiro (peaxes urbanas, impostos a combustibles..), a xestión do transporte público máis aló das propias cidades, a igualdade de xénero (protocolo contra o acoso sexual, condicións laborais equitativas…) ou as facilidades para que todos os colectivos teñan acceso ao espazo público.