Intercambio de experiencias arredor da educación para a cidadanía global en Bruxelas

Intercambio de experiencias arredor da educación para a cidadanía global en Bruxelas

Intercambio de experiencias arredor da educación para a cidadanía global en Bruxelas 1791 1213 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade participa esta semana no Lerning and Development Hub sobre compromiso xuvenil e incidencia política organizado en Bruxelas polo programa de Educación para o Desenvolvemento e Sensibilización (DEAR) da Unión Europea, co fin de intercambiar experiencias neste eido. Unha técnica do Fondo Galego e unha estudante de Oleiros, un dos concellos fundadores e actual membro da Comisión Executiva da entidade, asisten a este obradoiro formativo como parte da delegación do proxecto People & Planet, canda representantes do municipio portugués de Loures, da ONG lusa Instituto Marquês de Valle Flôr e da alemá Finep.

A moza oleirense Icía Río acode a esta cita como integrante do Consello Climático Asesor Xuvenil do Concello de Oleiros, grupo de traballo constituído tamén nos municipios de A Guarda, As Neves e Teo co fin de involucrar á mocidade nos problemas ambientais da súa vila e na procura dunha solución, implicando ao goberno local. O encontro con persoas procedentes dunha decena de países que forman parte doutros catro proxectos financiados polo programa DEAR “está a resultar unha experiencia do máis interesante e enriquecedora para coñecer diferentes iniciativas coas que compartimos obxectivos comúns”, afirma esta alumna do CIFP Ánxel Casal, que anima ás mozas e mozos a “unirse aos Consello Climáticos Xuvenís para mellorar a súa contorna e ter a oportunidade de participar neste tipo de formacións”.

As sesións deron comezo onte luns cunha serie de reflexións arredor da educación para a cidadanía global que concluíron na necesidade de crear oportunidades para que a xente nova participe de xeito significativo na transformación cara unha sociedade máis xusta e inclusiva, sen perder a conexión entre o global e o local. Ademais, presentáronse exemplos de boas prácticas como o proxecto FinnWID contra a trata de persoas, que puxo de relevo a importancia de contar con testemuños de primeira man. Tamén se amosou como caso de éxito a Rede de Embaixadores Xuvenís pola Paz, que ofreceu algunhas claves para elevar as preocupacións e propostas da mocidade ao nivel gobernamental.

A actividade retomouse esta mañá cunha análise sobre os roles do triángulo conformado pola xente nova, as e os políticos e máis as persoas facilitadoras deste proceso. A xornada completarase co debate sobre as canles de comunicación e as sinerxías que se poden establecer entre os diferentes proxectos apoiados polo programa DEAR, que ten como obxectivo impulsar o papel da mocidade como cidadanía activa, “influencer” das políticas públicas e promotora do cambio social.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información