O Fondo Galego presenta en Brasil boas prácticas municipais sobre mobilidade sostible

O Fondo Galego presenta en Brasil boas prácticas municipais sobre mobilidade sostible

O Fondo Galego presenta en Brasil boas prácticas municipais sobre mobilidade sostible 1290 859 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e alcalde de Nigrán, Juan González, áchase esta semana na cidade brasileira de Curitiba, referente da urbanización sustentable, para intercambiar boas prácticas municipais arredor da mobilidade sostible. A Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, na que o Fondo Galego exerce a Viceperesidencia, coorganiza este encontro internacional no marco do proxecto europeo #AcessoCidades, canda entidades de Italia e Brasil. A cita encádrase asemade na Smart City Expo, o evento máis importante relacionado coas cidades intelixentes a nivel mundial, que prevé atraer unhas 15.000 persoas.

A axenda, que deu comezo o pasado martes con visitas a diferentes experiencias locais, centrouse onte no Foro Nacional de Secretarios e Xestores de Mobilidade Urbana, onde Juan González presentou distintas estratexias para reducir as mortes e lesións por accidentes de tráfico. “O espazo público debe considerarse un dereito cidadá, polo que ha de ser cada vez máis accesible para peóns e ciclistas, tendo en conta a infancia, as persoas maiores, con discapacidade, etc.”, explicou. A isto contribúen programas como ‘Cidades que camiñan’ e ‘Cidade 30’, en referencia ao límite de velocidade, pois “debemos loitar contra a violencia viaria e facilitar a convivencia harmónica entre veciñanza e vehículos”, indicou o rexedor.

A comitiva do proxecto #AcessoCidades, na que o Fondo Galego é a única entidade do Estado Español xunto coa Área Metropolitana de Barcelona, asistirá hoxe á Reunión Xeral da Frente Nacional de Prefeitos, na que están chamados a participar os máis de 400 alcaldes e alcaldesas das principais cidades do Brasil. Xa mañá, Juan González exporá ante a audiencia da Smart City Expo iniciativas municipais como unha aplicación para atopar aparcamento, a instalación de electrolineiras para fomentar o vehículo eléctrico ou os paneis “metrominuto” que incentivan o desprazamento a pé. Tamén outras accións previstas no Plan de Mobilidade Sostible do Concello de Nigrán, como a conexión das parroquias mediante un microbús eléctrico ou medidas para incentivar o uso da bicicleta.

#AcessoCidades

O proxecto #AcessoCidades propón repensar as políticas públicas de mobilidade urbana en clave de desenvolvemento sostible e redución das desigualdades, tal e como establece a Axenda 2030. Para acadar este obxectivo, promove o intercambio de experiencias entre municipios e a formación no emprego de datos abertos para planificar os sistemas de transporte, cunha visión democrática e participativa, baseada nos dereitos da cidadanía. O Frente Nacional de Prefeitos (FNP), a Associazione Nazionale Comuni Italiani e a Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad promoven esta iniciativa, cofinanciada pola Unión Europea.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información