Enxeñería sen Fronteiras e o Fondo Galego impulsan o acceso á auga potable en Honduras

Enxeñería sen Fronteiras e o Fondo Galego impulsan o acceso á auga potable en Honduras

Enxeñería sen Fronteiras e o Fondo Galego impulsan o acceso á auga potable en Honduras 1199 836 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Mellorar o acceso á auga e ao saneamento en sete municipios é o obxectivo último do proxecto que a ONGD Enxeñería sen Fronteiras e o Fondo Galego de Cooperación apoian en Honduras. Para acadalo, estanse a desenvolver no Golfo de Fonseca formacións e estudos co fin de promover unha xestión integrada do recurso hídrico. Coincidindo co Día Mundial da Auga, que se celebra hoxe, ESF dará a coñecer a iniciativa nas actividades que organiza ao longo da vindeira semana en Galicia.

Persoal técnico dos sete concellos costeiros que conforman a Mancomunidade Nasmar capacitouse na metodoloxía para a realización dos plans de xestión integral do recurso hídrico e tamén nas ferramentas de software libre necesarias, para non incorrer en gastos nin dependencias tecnolóxicas. A formación práctica estase a levar a cabo coa recollida de datos en varias comunidades da municipalidade de El Triunfo, identificada como a que máis carencias presenta no abastecemento de auga e saneamento. Esta información tratarase a través dun programa informático e da súa interpretación xurdirán diferentes alternativas que se debaterán coa veciñanza para elaborar os correspondentes plans comunitarios, como fase previa á preparación do plan municipal.

O proxecto inclúe diversas accións formativas.O Fondo Galego cofinancia con 28.416 euros este proxecto, que contempla asemade un estudo hidroxeolóxico para previr e mitigar a contaminación das fontes de auga, xa que se trata dunha área moi degradada por grandes empresas agrícolas, industriais e camaroneiras. De xeito paralelo, levaranse a cabo accións educativas para sensibilizar sobre a importancia da calidade da auga e promover hábitos hixiénicos e saudables ao respecto.

As preto de 210.000 persoas que viven en Ampla, Nacaome, Goascorán, San Lorenzo, Namasigüe, Marcovia e El Triunfo beneficiaranse deste proxecto de cooperación internacional que fortalecerá as capacidades locais par facer efectivo o dereito á auga. Se o 39% das familias hondureñas viven nunha situación de pobreza extrema, o índice é aínda máis elevado nesta zona. Asemade, a tarefa de carrexar auga cara as casas habitualmente destinada ás mulleres obstaculiza a súa integración na actividade económica e no sistema educativo. Doutra banda, os efectos do cambio climático fan que se agudicen as épocas de seca e inundacións.

A iniciativa presentarase a vindeira semana nas xornadas 'Auga e desenvolvemento sostible' que Enxeñería sen Fronteiras organiza na ETS Enxeñería de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña, concretamente durante a charla que terá lugar o 23 de marzo ás 13.45 horas. Outra das actividades previstas para dar a coñecer o proxecto é a elaboración dun vídeo sobre o programa e sobre as xuntas administradoras de auga, establecendo unha comparativa con este modelo de xestión comunitaria que tamén existe en Galicia. O audiovisual proxectarase na Deputación da Coruña e en tres concellos socios do Fondo Galego, co fin de reflexionar sobre a realidade global desde o local.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información