A igualdade de xénero era o eixo central deste proxecto, que tiña por obxectivo promover unha educación integral en sexualidade en catro centros públicos do municipio guatemalteco de Chinautla. A intervención involucraba a profesorado, alumnado, familias e institucións locais na prevención da violencia contra as mulleres e no establecemento de relacións de xénero equitativas, para o que se impartiron obradoiros cos distintos colectivos. A importancia da autoestima ou o cuestionamento dos roles de xénero foron algúns dos temas traballados coas e cos docentes, que os trasladaron despois ao alumnado, co fin de contribuír ao empoderamento na defensa do seu dereito a unha vida libre de violencias. Houbo tamén obradoiros específicos para mozas, cinefórums ou programas para a prevención do acoso a través das novas tecnoloxías. Ao tempo, a rapazada organizou actividades de sensibilización nos centros. Ao tempo, buscábase fortalecer as capacidades das entidades de Chinautla que traballan a prol da defensa das mulleres, a infancia e a mocidade, de xeito que se convocaron obradoiros sobre igualdade para as e os seus integrantes. Ademais, estas organizacións deron a coñecer o seu labor, así como os itinerarios de prevención e denuncia, nunha feira local.