As administracións locais e provinciais socias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade teñen ata o 16 de marzo para enviar a ficha de solicitude das actividades de sensibilización do Plan 2018, que será ratificado na Asemblea Xeral do día 21. Entre as accións que poderán implementar ao longo do ano, destacan os espectáculos musicais e teatrais, nalgúns casos coa opción de exposicións complementarias ou de unidades didácticas de apoio.
- Batuko Tabanka: O grupo integrado por mulleres caboverdianas afincadas na Mariña lucense difunde a cultura caboverdiana cun concerto no que se intercala información sobre o país lusófono. Pode complementarse co mostra 'Galicia-Cabo Verde: unha irmandade' do fotoxornalista Rober Amado. Ficha técnica
- O Valo: Pallasos en Rebeldía representa este espectáculo teatral sobre as fronteiras e as persoas refuxiadas que se estrutura arredor dun encontro entre unha nena que foxe da guerra e un rapaz soldado. Pode complementarse coa exposición 'No colo da esperanza', realizada por Felipe Carnotto na ruta dos Balcáns. Ficha técnica
- Contamos Todas. A Tropa de Trapo segue a contarnos historias con música en directo, combinándoas cun obradoiro participativo. O espectáculo está centrado na desigualdade e na violencia de xénero e emprega técnicas do Teatro da Oprimida para representar as propostas do alumnado. Ficha técnica
- Ti Tamén Contas. Os contos e a música da Tropa de Trapo permiten introducir cuestións coma o materialismo, o traballo infantil ou as catástrofes naturais. Logo debátese coas e cos estudantes arredor da relación entre a abundancia e a felicidade, o consumo responsable ou a importancia da cooperación. Ficha técnica
Matizamos que este ano non é obrigatorio, aínda que si recomendable, acoller as exposicións que complementan as actividades. Ademais, dispoñemos doutras mostras (dúas delas en fase de produción) que podedes solicitar desde xa, sen prexuízo de que se vos adxudique algunha das propostas anteriores. Lembrámosvos que, no caso das exposicións, o traslado e a montaxe/desmontaxe corren a cargo do concello receptor.
- 20 Anos a Fondo coa Solidariedade
- Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (pendente de produción)
- Nicaragua. O futuro
- Dereitos Humanos en Mozambique (pendente de produción)
Ademais, as deputacións e concellos socios teñen á súa disposición a filmoteca do Fondo Galego para organizar ciclos de cine ou ben proxectar algunha película ou documental de temática social. Neste caso, cada administración costearía os gastos do envío e dos dereitos de emisión (distribuidora e SGAE).
Por último, a guía de boas prácticas recolle algunhas suxestións á hora de programar estas actividades de educación para o desenvolvemento.