As políticas e políticos que actúan de enlace co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en cada unha das deputacións e concellos socios están chamados a participar na videira Asemblea Xeral, onde se presentará o Plan de Actividades para o ano en curso, logo de recoller as achegas realizadas polo persoal técnico nas xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria. O encontro terá lugar o 21 de marzo, ás 11 horas, en Santiago de Compostela, concretamente na sede da Fegamp (Área Central, Rúa Varsovia, 4C, 6ª planta).
O Plan de Actividades 2018 contempla catro áreas: fortalecemento da asociación, sensibilización da veciñanza fronte as desigualdades, proxectos de cooperación internacional e comunicación. Deste xeito, está previsto continuar captando novas administracións socias e seguir ofertando actividades de educación para o desenvolvemento, como espectáculos musicais e teatrais, co apoio de unidades didácticas como novidade, ou novas exposicións sobre Mozambique, as persoas refuxiadas ou os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, con innovacións no formato.
En canto á cooperación internacional, afondarase nas intervencións en Mozambique, a onde ademais se enviará unha misión político-técnica. Executaranse asemade os proxectos financiados a ONGD galegas en Guatemala, Honduras e Guinea-Bissau, alén de participar nunha iniciativa europea para consolidar o proceso de paz en Colombia. Tamén se manterá a dobre vertente do programa de voluntariado internacional e cooperación técnica Vacacións con Traballo.
O presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, abrirá a xuntanza da Asemblea Xeral expoñendo o informe de situación, tras o que a tesoureira e concelleira en Pontevedra, Anxos Riveiro, presentará o balance económico de 2017. Ratificaranse a continuación as altas de novos concellos socios e a Secretaría explicará tamén tanto o Plan de Actividades 2018 como o proceso de elaboración do IV Plan Director da Cooperación Galega.