Persoal municipal cooperará en Mozambique e Cabo Verde a través das Vacacións con Traballo

Persoal municipal cooperará en Mozambique e Cabo Verde a través das Vacacións con Traballo

Persoal municipal cooperará en Mozambique e Cabo Verde a través das Vacacións con Traballo 1199 799 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Dúas empregadas e empregados das deputacións e concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade pasarán entre 15 días e un mes colaborando cos parceiros da entidade en Mozambique e Cabo Verde a través das Vacacións con Traballo. O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, presentou esta mañá a nova edición do programa de voluntariado internacional canda unha técnica do Fondo Galego e mais dúas traballadoras municipais que xa participaran na experiencia.

"É un orgullo que persoal municipal vaia coñecer outras realidades e realice un labor de cooperación", considerou o rexedor, quen ademais alentou aos cadros dos concellos da contorna para "que se animen a vivir esta experiencia". En palabras da arquitecta Ana Piñeiro, que colaborou co concello caboverdiano de Ribeira Grande, as Vacacións con Traballo "ábrenche os ollos, fanche ver que non somos o embigo do mundo" e permiten apreciar "que é o realmente necesario, ao traballar sen tantas comodidades". A educadora social Uxía Cespón, que apoiou ao municipio mozambicano de Mandlakaze, incidiu no feito de “compartir experiencias, amosar como traballamos aquí e aprender de como o fan alí”.

Desde a Secretaría Técnica do Fondo Galego, Carmen Novas, explicou que as e os participantes nas Vacacións con Traballo achegan asesoramento técnico nos países empobrecidos e intercambian coñecementos, ao tempo que supervisan os proxectos de cooperación internacional e facilitan a colaboración entre o poder local galego e o do país de destino. Ademais, enchóupanse doutras realidades e contribúen a concienciar sobre elas.

Ata o 30 de abril permanece aberto o prazo para presentar candidaturas á decimoterceira edición das Vacacións con Traballo, que buscan dous perfís prioritarios. En Mozambique, a Fundação Encontro, que atende a poboación vulnerable, precisa dunha técnica/o informática/o que lles axude a organizar a base de datos da súa área de Acción Social. En caso de non cubrirse esta praza, o perfil secundario sería o de educador/a social. O municipio caboverdiano de Santa Cruz, pola súa banda, require unha técnica/o de Turismo que contribúa a promover o turismo rural na Cámara Municipal. As opcións secundarias son as de técnica/o de Deportes, animador/a sociocultural e técnica/o de Mocidade.

As candidaturas presentaranse enviando a ficha de solicitude ao enderezo electrónico comunicacion@fondogalego.org, canda o currículo, unha carta de motivación, e mais un escrito de apoio ou consentimento asinado pola/o representante política/o do Fondo Galego no correspondente concello ou deputación. Alén da formación e a experiencia, valorarase a vinculación co eido da cooperación e mais o dominio do galego e do portugués.
O programa cubre os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención da viaxe, na que as persoas seleccionadas investirán o seu período de descanso. Co fin de visibilizar a realidade do Sur e sensibilizar fronte as desigualdades, o voluntariado publica un blog e á volta tamén se edita un caderno dixital. Un total de 42 empregadas e empregados da administración local participaron desde o ano 2006 nas Vacacións con Traballo.

Bases da convocatoria
Ficha de solicitude
Cartaz VcT 2018
Folleto VcT 2018

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información