Persoal do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña pasará as Vacacións con Traballo en África

Persoal do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña pasará as Vacacións con Traballo en África

Persoal do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña pasará as Vacacións con Traballo en África 1199 799 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Persoal técnico da Deputación da Coruña e do Concello de Santiago de Compostela pasará o mes de outubro colaborando en Mozambique e Cabo Verde, respectivamente, cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que ambas as administracións son socias. Os dous participantes, que resultaron seleccionados entre unha vintena de candidaturas presentadas ao programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, asistiron en Pontevedra a unha xornada formativa previa ás viaxes.

Yolanda Ferro, técnica de márketing no organismo encargado da xestión turística no concello compostelán e cunha ampla experiencia nesta área pero tamén como voluntaria en distintos países, cooperará co municipio caboverdiano de Santa Cruz na promoción do turismo rural, concretamente na vila de Porto Madeira. Segundo a traballadora municipal, "resulta imprescindible aventurarse cada pouco fóra da chamada zona de confort, para refrescar a mirada e poder enfocar desde perspectivas creativas, especialmente en viaxes que supoñen un contacto directo coa localidade". "Naqueles lugares onde haxa un certo consenso e mesmo ilusión sobre a necesidade de facer cousas, unha ten a esperanzadora sensación de que a súa achega pode ser un chisco valiosa para emprender proxectos alentadores", conclúe.

Manuel Fuentes, programador e analista de sistemas na Deputación da Coruña, desprazarase a Mozambique para asesorar á Fundação Encontro, que a través do programa Vacacións con Traballo solicitou o apoio dun informático que lles axude a organizar a base de datos da súa área de Acción Social, na que atenden a poboación vulnerable dos distritos de Boane e Namaacha. "Voume mesturar nunha convivencia coa mesma xente coa que vou traballar e son consciente de que a miña rutina sufrirá un cambio ben grande, pero estou convencido de que as vivencias quedarán para sempre na miña memoria", asegura o funcionario provincial. "O que máis me preocupa é desenvolver o traballo con éxito, aínda que este non sexa o único obxectivo desta viaxe", apunta.

De feito, o programa Vacacións con Traballo ten unha dobre vertente, xa que non se trata só de achegar unha cooperación técnica, senón que ese intercambio de coñecementos co persoal local e a inmersión noutra realidade constitúen tamén accións de sensibilización. Deste xeito, as e os participantes entran en contacto con novas culturas, toman conciencia das desigualdades e convértense en axentes da transformación social cara actitudes solidarias. A experiencia vana compartindo a través do blog https://vacacionscontraballo.wordpress.com e á volta toman parte en diferentes actividades de difusión. Ademais, supervisan os proxectos de cooperación internacional cofinanciados sobre o terreo, ao tempo que contribúen a identificar outros novos. Con esta edición, cofinanciada pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, serán 44 as empregadas e empregados das deputacións e concellos socios do Fondo Galego que colaboraron en países do Sur desde 2006.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información