Unha técnica da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique pasará o mes de setembro intercambiando coñecementos con persoal de tres concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A través do programa de colaboración técnica Vacacións con Traballo en Galicia, a especialista en traballo social Elsa Dimande visitará os concellos de Ames, Nigrán e Rianxo para coñecer a súa experiencia nesta área. O obxectivo é reforzar as capacidades dos municipios do Sur, ao tempo que se contribúe a sensibilizar sobre a súa difícil situación e a visibilizar as súas potencialidades.
A igualdade de xénero, o traballo social con nenas e nenos, o urbanismo para o benestar da infancia e o orzamento participativo nestas materias, así coma o asociacionismo feminista, son os principais temas de interese da convidada. Elsa Dimande pasará unha semana en cada municipio, favorecendo deste xeito a implicación das administracións locais galegas na solidariedade internacional, mentres que do 24 ao 28 de setembro completará a formación na Secretaría Técnica do Fondo Galego, ubicada en Pontevedra, ademais de aproveitar para reunirse con representantes da Xunta de Galicia, que cofinancia este programa.
A técnica mozambicana atópase xa no Concello de Ames, onde ás 12 horas participará nunha recepción institucional, para percorrer máis tarde distintas áreas recreativas. Nos vindeiros días, visitará tamén o centro de recuperación integral para vítimas da violencia de xénero, as unidades de traballo social e un centro ocupacional para persoas con discapacidade, alén de asistir a actividades de empoderamento para mulleres e atoparse con diversos colectivos.
Na segunda semana de setembro, Elsa Dimande trasladarase ao Concello de Nigrán, onde coñecerá o traballo dunha entidade que atende a persoas con autismo e manterá encontros con asociacións feministas ou de diversidade sexual. Tamén visitará varias escolas e mais o centro de emerxencia para mulleres en situación de violencia de xénero. A estadía no Concello de Rianxo, máis centrada na infancia e a mocidade, permitiralle ademais coñecer a arquitectura pensada para estas franxas de idade e manter charlas con alumnado dos colexios.
A partir destas Vacacións con Traballo en Galicia, a Asociación Nacional de Municipios de Mozambique agarda fortalecer logo aos concellos do país lusófono para que implementen os seus propios plans de igualdade e teñan en conta ás mulleres e a xente nova no proceso de gobernación municipal. A técnica da ANAMM prestará atención ademais á incorporación da perspectiva de xénero nos proxectos das administracións locais galegas, a integración das demandas do colectivo feminista ou ás actividades do Fondo Galego dirixidas á infancia.
Un dos países máis empobrecidos
Mozambique ten experimentado un crecemento considerable desde o Acordo de Paz asinado en 1992 que puxo fin a dezaseis anos de guerra civil, mais o seu Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) segue a ser dos máis baixos do planeta. A pobreza atinxe ao 55% da poboación, especialmente as mulleres, e a esperanza de vida sitúase nos 57 anos. No entanto, trátase dun país cun gran potencial e existen iniciativas locais desde as que se loita por reverter esa situación, algunhas delas con colaboración internacional. Tal é o caso dos municipios e organizacións apoiadas polo Fondo Galego, que canaliza así as inquedanzas dun cento de concellos e deputacións de Galicia para contribuír á construción dun mundo máis xusto.
Desde o ano 2001, o Fondo Galego ten apoiado en Mozambique unha decena de proxectos que supuxeron uns 300.000 euros de investimento. Na súa maioría, leváronse a cabo coa Casa do Gaiato e a súa “irmá” a Fundação Encontro como parceiros locais, pero tamén coa colaboración de ONGD galegas ou do Programa das Nacións Unidas para o desenvolvemento (PNUD). Ademais, nos últimos anos iniciou unha liña de traballo coa ANAMM, mesmo de xeito directo con algúns concellos. As liñas estratéxicas do Fondo Galego apostan por acentuar a colaboración cos países lusófonos, especialmente os da África máis empobrecida.