O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade asesorará a Portugal na creación dunha rede municipalista de cooperación propia e axudará a promover as redes de cooperación descentralizada na Alemaña. O presidente do Fondo Galego, Alfredo Novoa, e a coordinadora de proxectos da ONGD lusa Instituto Marquês de Valle Flôr, Hermínia Ribeiro, presentaron hoxe o proxecto ‘Construíndo redes para o desenvolvemento: dos irmandamentos a unha cooperación máis eficiente’, avalado pola Unión Europea.
Alfredo Novoa apuntou que “esta iniciativa conxunta constitúe unha experiencia novedosa no marco europeo”. “O Fondo Galego leva tempo animando aos concellos portugueses a aliárense nunha estrutura semellante á nosa, sen tratar de impoñer modelos, pero apostando por axuntar esforzos na cooperación municipalista”, engadiu Novoa. Este proxecto permitirá “exportar unha experiencia que aquí se ten mostrado positiva: que os municipios se involucren en proxectos conxuntos de cooperación internacional”, concluíu o presidente do Fondo Galego.
Pola súa banda, para Hermínia Ribeiro insistiu na aposta por constituír en Portugal “unha rede de municipios que traballan na área de cooperación, e que dentro desa rede poderían estar agrupados polas rexións coas cales están irmandados”. Unha cuestión, a dos irmandamentos, que “ten moito peso en Portugal e que fai máis doado desenvolver un labor de cooperación cando xa existe unha relación cos países de destino”. Segundo explicou a presidenta da ONGD lusa, solicitaron o acompañamento de Alemaña e do Fondo Galego, “por toda a experiencia que ten neste eido”.
En Portugal deu xa comezo a divulgación do proxecto “e neste momento temos xa 14 autarquías para empezar a traballar”, avanzou Hermínia Ribeiro. Contan, asemade, co apoio da Asociación Nacional de Municipios Portugueses. “Imos comezar creando unha plataforma virtual para compilar a información de todo o que levan feito as autarquías portuguesas, galegas e alemás, e os actores da sociedade civil, para intentar crear parcerías e conxugar esforzos”, precisou. A partir de aí, as accións terán en conta “oexpertise e a boa práctica do Fondo Galego para crear unha rede lusa de Cámaras Municipais involucradas coa cooperación na que, aínda cun formato diferente, subxacerá unha base común” coa entidade galega.
Compartir a experiencia
O Instituto Marquês de Valle Flôr é quen concibiu o proxecto ‘Construíndo redes para o desenvolvemento: dos irmandamentos a unha cooperación máis eficiente’, orzamentado en 644.358 euros dos que a Comisión Europea achega 483.268 euros. Ademais do Fondo Galego de Cooperación, participan tamén como parceiras as Cámaras Municipais de Loures e da Marinha Grande, e mais a ONGD alemá FINE+P.
O Fondo Galego, integrado na actualidade por 95 Concellos e as catro Deputacións de Galicia, compartirá a súa experiencia con municipios e axentes do mundo cooperante de Portugal e Alemaña. No primeiro caso, para contribuír á fundación dun Fondo Portugués de Cooperación e Solidariedade; no segundo, para dar a coñecer este tipo de estruturas nun país onde a cooperación municipalista se desenvolve, esencialmente, a través dos irmandamentos.
Cunha duración de tres anos, o proxecto aposta pola xeración de sinerxías como estratexia para reducir a pobreza e avanzar na consecución dos Obxectivos do Milenio, á vez que se crean novas canles de comunicación entre autoridades locais a nivel estatal e internacional. De feito, canda estas metas xerais, o obxectivo específico da iniciativa consiste en reforzar o papel das autoridades locais portuguesas e alemás como axentes activos da cooperación para o desenvolvemento.
Para acadar os resultados agardados, organizaranse seminarios, presentacións, obradoiros de capacitación e ciclos de debate, etc. Os e as representantes do Fondo Galego de Cooperación participarán en varias destas actividades para explicar a experiencia de traballo en rede do municipalismo galego neste eido.