Xa está dispoñible no web do Fondo Galego de Cooperación o caderno dixital 'Vacacións con Traballo: Experiencias Solidarias 2013', que reúne os testemuños das dúas persoas que o ano pasado participaron no programa de voluntariado internacional dirixido a empregadas e empregados das administracións socias da entidade.
A publicación recolle as vivencias persoais e profesionais de Emilio Cuiñas, técnico de Turismo do Concello de Ourense, que colaborou co Instituto de Promoción Humana-Somoto, en Nicaragua, e de María Jesús Olivares, directora da Casa de Acollida de Mulleres do Concello de Ferrol, que asesorou en materia de igualdade á Cámara Municipal de Porto Novo, en Cabo Verde.
Ata o vindeiro venres, día 16 de maio, permanece aberta a convocatoria de Vacacións con Traballo 2014, na que técnicas e técnicos locais en activo colaborarán durante un mes nas iniciativas apoiadas polo Fondo Galego aos seus parceiros no Sur. En Nicaragua, dentro do proxecto turístico co Inprhu e, en Cabo Verde, orientando a unha cooperativa de mulleres artesás no municipio de Ribeira Grande.
As persoas interesadas en participar deberán achegar unha carta de motivación persoal e o seu currículo, canda unha carta de apoio da ou do representante político do Fondo Galego na súa entidade, ao enderezo electrónico a dpalau@igadi.org. As bases da convocatoria e demais informacións sobre o programa poden consultarse no blog vacacionscontraballo.wordpress.com.