A consultora en finanzas ao desenvolvemento e comunicación amosouse escéptica cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), dos que asegura, non difiren dos seus predecesores xa que ambos "responden a unha visión moi neoliberal do mundo e a economía".
Fíxoo o pasado xoves nos perfís de Facebook e Twitter do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, onde denunciou o esquecemento da comunidade internacional cara Haití despois do terremoto que asolou o país en 2010 e todos os problemas que se cometeron na súa posterior "reconstrución". Subliñou, ademais, a pésima xestión dos recursos desembolsados que "acabaron en mans de empresas, contratistas e ONG estranxeiras; non nas empresas e ONG locais".
Durante a charla amosouse moi crítica coas ONG que traballaron no país, das que afirma, lograron "parcialmente" a reconstrución pero xeraron decepción na poboación polo incumprimento das súas promesas. "Boa parte das accións, proxectos e políticas ligadas á emerxencia foron un fracaso por non incorporar unha perspectiva de longo prazo e de desenvolvemento", destacou.
Lembrou, ademais, o importante papel dos medios de comunicación para visibilizar catástrofes como a de Haití pero deixando claro que é importante profundar nas causas e nos porqués, afastarse do ton "paternalista", non buscar heroes e vitimizar aos afectados e, sobre todo, facer un seguimento posterior do sucedido.
O #EncontroFresnillo, como se etiquetou a charla, enmárcase no programa #Alén2015, posto en marcha polo Fondo Galego en 2014 co propósito de avaliar os ODM e coñecer as propostas de diferentes axentes da cooperación e ONGD para a axenda de desenvolvemento post 2015, que se vén de definir na 70ª Asemblea Xeral da ONU, celebrada do 23 ao 25 de setembro en Nova York.
Iolanda Fresnillo (Barcelona, 1973) é licenciada en Socioloxía pola Universitat de Barcelona e especializada en Desenvolvemento e Cooperación. Actualmente é a directora de Tot Raval e promotora do proxecto 'Haití, outros terremotos'.
Durante dez anos exerceu como investigadora en finanzas ao desenvolvemento e responsable de campañas e comunicación no ODG, foi responsable de políticas, débeda e FMI en Eurodad e traballou consultora de investigación de Médicos Sin Fronteras (MSF) e no Transnational Institute (TNI) de Amsterdam. Ten publicado artigos e traballos de investigación en distintos medios e plataformas.
1. Como valoras as metas alcanzadas nos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio e que opinas dos novos obxectivos, os de Desenvolvemento Sostible, tendo en conta o marco no que se desenvolven os encontros dixitais #Alén2015?
Respecto dos Obxectivos do Milenio, persoalmente sempre fun moi crítica. Sempre pensei que non só eran pouco ambiciosos, senón que tamén responden a unha visión moi neoliberal do mundo e a economía.
No caso, por exemplo, do Obxectivo 8 sempre se optou polo libre comercio e un sistema no que se reduza a débeda pero esta siga sendo un elemento chave na economía dos países do Sur, o que dá un exemplo de a que visión do mundo responden os Obxectivos do Milenio.
Desgraciadamente, creo que os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible non se afastaron desa línea. Séguese respondendo a unha visión de crecemento como vía do desenvolvemento. Por moito que ese crecemento se tinga de verde, segue sendo unha concepción do desenvolvemento puramente capitalista.
Aquí tedes dous artigos sobre o modelo de desenvolvemento neoliberal, no caso de Haití: 'Los otros terremotos que hundieron Haití' e 'Haití, más allá del terremoto'.
2. Como está a situación nestes momentos en Haití? Cando se restablecerá a normalidade, se é que realmente se pode conseguir?
En Haití, en realidade, o de restablecer a normalidade non creo que poida ser un obxectivo. Desde pouco despois da independencia, fai xa máis de dous séculos, Haití estivo baixo as inxerencias de poderes económicos e políticos estranxeiros, en conivencia cunha elite local minoritaria.
A situación hoxe día é complexa, cun goberno que desde pouco despois do terremoto claramente apostou polo investimento estranxeiro e o crecemento económico e non polo benestar da súa poboación. O goberno de Martelly abrazou o lema "Haití, aberto aos negocios" e puxo a alfombra vermella a empresas multinacionais nos ámbitos da minería, o turismo de luxo ou a industria para a exportación (maquilas).
A cooperación fixo o seu traballo, e fisicamente o país foi parcialmente "reconstruído", pero das promesas de desenvolvemento queda pouco. A poboación está en xeral moi decepcionada coas ONG e en especial coa cooperación multilateral, xa que non se cubriron as expectativas que se xeraron despois do terremoto en 2010.
Pero non todo é negativo, eh! En Haití hai unha sociedade civil local moi activa, que estes días protesta nas rúas polas denuncias de fraude electoral, que loita polos seus dereitos… é ademais unha sociedade moi viva, creativa, alegre e digna.
3. Non crees que os gobernos desde Occidente mostran moita solidariedade despois da catástrofe pero, unha vez pasado o tempo, esquécese?
Por suposto. Haití esqueceuse na axenda da cooperación internacional. Quedan os flocos daquela onda de solidariedade, xerada polo impacto mediático e a solidariedade das sociedades occidentais. Agora axencias e ONG estanse retirando, deixando proxectos inacabados ou procesos a medias. A parte que non todas as promesas se cumpriron, e unha parte maioritaria dos recursos desembolsados acabaron en mans de empresas, contratistas e ONG estranxeiras, e non nas empresas e ONG locais.
4. Pode ser o caso de Haití outro deses países "ricos", nos que a sociedade vive miserablemente?
Desgraciadamente creo que este é o caso de practicamente todos os países. En Haití, como en todas partes, hai recursos naturais e humanos para poder construír unha vida digna para todos.
Nestes momentos, por exemplo, hai unha importante ameaza sobre as montañas do centro e norte do país, xa que o Banco Mundial e o goberno haitiano queren abrir a veda da minería, para extraer ouro en minas ao descuberto. Unha actividade que sería o fin da agricultura, xa de subsistencia, que faría máis grave a situación de deforestación. Eses recursos están aí, empezáronos a explotar os españois cando as carabelas de Colón chegaron á Illa La Española. O país é rico en minerais, pero se isto se deixa ás multinacionais, nada diso vai favorecer aos haitianos.
É un país cun grave problema de deforestación, que a miúdo se achaca á poboación e a explotación de madeira para producir carbón (que é un grave problema), pero o certo é que a deforestación empezou coa colonización francesa e agravouse coa ocupación norteamericana
Haití é ademais, xunto con Bolivia, o país máis desigual de América Latina. Unha elite moi minoritaria, moi ligada á economía da exportación (non produtiva, senón comerciante) que acumula a maior parte da riqueza, e unha poboación moi empobrecida, sobre todo, nas zonas rurais.
Aquí un parágrafo sobre o libro que estou a preparar sobre o capitalismo do desastre en Haití, sobre este tema:
Din os haitianos que o seu país ten o maior número de multimillonarios per cápita pero tamén o maior número de excluídos, de Moun Andeyó (Schuller e Morales, 2013). "Cara o 2007 o 10% máis rico apropiábase do 47% das rendas do país e o 2% controlaba o 26% da riqueza nacional. Por contraste, o 20% máis pobre recibía o 1.1% dos ingresos nacionais" (Dupuy, en Schuller e Morales, 2012). Esta situación apenas cambiou, en 2012 o 20% da poboación posuía máis do 64% dos ingresos do país, contra o 1% que seguía en mans do 20% máis pobre (Banco Mundial, 2014).
5. Hai esperanza para que a axuda humanitaria deixe de reproducirse como unha especie de ‘subtipo’ fóra de políticas de cooperación integrais e de longo prazo que asuman logo unha verdadeira corresponsabilidade internacional?
Un dos problemas con boa parte das accións, proxectos e políticas ligadas á emerxencia durante o primeiro ano foron un fracaso por culpa de non incorporar unha perspectiva de longo prazo e de desenvolvemento. É algo que recoñeceu nunha entrevista o exdirector de Oxfam Intermon en Haití, que me dicía que un dos problemas é que non houbo vínculo entre as políticas de emerxencia e as de desenvolvemento (anteriores e posteriores).
Hai esperanza? Creo que case todos os actores no terreo son conscientes e autocríticos co que pasou estes últimos anos en Haití, a dúbida é que farían se se volvese a repetir unha situación de emerxencia no país.
Creo que na medida que se volva a traballar de xeito conxunto coa poboación local e respectando as vontades locais pode haber esperanza. É algo básico que moitas ONG están facendo, pero que desgraciadamente non son todas e sobre todo non o fan de forma sistemática as axencias multilaterais. Aquí a miña análise sobre a axuda de emerxencia en Haití tras o terremoto.
6. Houbo algún cambio de actitude na sociedade co drama do terremoto? Refírome a cousas como o Prestige en Galicia, a guerra de Iraq…
Eu non estiven en Haití tras o terremoto, pero si que hai un cambio polo que fun recollendo nas miñas viaxes e entrevistas. En primeiro lugar, moitas persoas faláronme da reacción inmediata da sociedade haitiana tras o terremoto, axudando, creando redes de apoio mutuo, acollendo, compartindo… Cando chegan masivamente as ONG e axencias internacionais non se respectan esas dinámicas, e xéranse actitudes máis asistencialistas.
Daquela moita xente vinculada a movementos sociais, que falan da invasión de ONG (que é previa ao terremoto pero que se magnifica co sismo), recoñecen que a sociedade civil organizada sufriu un dobre cambio: moitos movementos "oenegueizáronse" (coa chuvia de recursos que caeu tras o terremoto) e a maioría quedaron desbordados coa atención de emerxencia, de forma que as cuestións de fondo deixáronse. Está a custar saír desa dinámica. Falan dunha sociedade "infantilizada".
En canto ás nosas sociedades, creo que o terremoto xerou unha onda de solidariedade que se traduciu en recursos, pero logo non houbo seguimento. Doutra banda, os medios e as ONG debuxaron aos "solidarios" do norte como salvadores, e aos haitianos como vítimas. Esa "vitimización" chegou ata alí, e é algo que é necesario reverter.
7. Como pode haber tanta diferenza entre a República Dominicana e Haití formando parte da mesma illa?
Hai moita diferenza, por múltiples razóns. O proceso de colonización francesa e española foi diferente, para empezar. Cando Haití se independiza invade o que hoxe é República Dominicana, que máis adiante se independizou de Haití. Estas relacións xeraron que non exista tradición algunha de intercooperación entre os dous países.
O modelo de desenvolvemento en Haití foi moi marcado polas inxerencias estranxeiras, que foron modelando, coa axuda das elites locais, a economía haitiana en función das súas necesidades (falo por exemplo do nacemento da industria de exportación baixo a ditadura de Duvalier) á vez que en República Dominicana se empezaba a desenvolver a industria turística.
As elites de ambos os países son tamén moi diferentes. Tras a ditadura de Trujillo en República Dominicana chega un período de relativa calma democrática. En Haití, tras Duvalier, hai varios anos de xunta militar, cando gaña Aristide hai un golpe de estado (que se demostrou estivo apoiado desde Estados Unidos). Cando este volve faino cunhas condicións determinadas… En 2004 novas inxerencias… En definitiva, tamén as dinámicas internacionais marcaron de forma diferente a ambos países.
E, por suposto, en República Dominicana non se herdou un proceso de deforestación como o herdado en Haití despois da colonización.
Finalmente, hai tamén diferenzas sociais, no sentido de que son sociedades moi diferentes, a haitiana moito máis "africana" e a dominicana moito máis "latina". Non sabería dicir como afecta iso ao desenvolvemento (non debería afectar) pero si é algo que se nota na rúa, coa xente, son dous mundos moi diferentes.
8. Lin algún artigo sobre a deforestación que sofre Haití, a que se debe isto? Ten que ver coa espoliación de recursos á que está sometido o país? Que intereses hai en Haití para as potencias estranxeiras?
O tema da deforestación é un problema grave. Queda en Haití menos do 4% de territorio con bosque, e é un país que, a diferenza do que nos poida parecer, é moi montañoso. De feito, Ayiti, quería dicir en taíno "terra de montañas".
A que se debe? Pois novamente unha mestura de factores: en primeiro lugar a herdanza colonial. Os españois e franceses iniciaron a deforestación, para minería os primeiros, e para plantacións e exportación de madeira cara a Francia os segundos.
Tras a independencia, Francia impuxo unha débeda a Haití para poder ser recoñecido como Estado independente. Para facer fronte a esa débeda, Haití seguiu co sistema de plantacións, ademais de seguir e profundar coa explotación de madeira para exportar a Francia.
En 1915 Estados Unidos invade Haití e ocúpao durante máis dunha década, profundando o sistema de grandes plantacións, que tamén afectan á deforestación.
Desde sempre e ata hoxe día, en Haití os agricultores completan os seus ingresos coa explotación da madeira para facer carbón vexetal, aínda hoxe unha das principais fontes de enerxía do país.
Este último factor fai moi difícil romper coa dinámica da deforestación. A todo iso engádese unha climatoloxía adversa, con furacáns e unha época de fortes tormentas que cada ano erosionan o terreo.
Escribín un artigo sobre a agricultura e a difícil situación da deforestación: 'O difícil reto de ser campesiña en Haití'. Algunhas ONG están a traballar en procesos de reforestación, e de agricultura sustentable. Un traballo importantísimo.
9. Os medios de comunicación contribúen a 'invisibilizar' o país? Xa non se fala do terremoto, nin sequera das eleccións, que foron hai pouco… só se lembra nos aniversarios.
No caso de Haití, como no doutros casos de catástrofes (naturais, guerras, pobreza, fames negras), o papel dos medios de comunicación é moi importante e segundo a miña opinión, dista moito de ser o ideal.
No caso do terremoto, os medios de todo o mundo envorcáronse con Haití. Iso foi un factor chave na onda de solidariedade que houbo (parecido ao que está a pasar agora con Siria, unha guerra que dura hai anos pero que agora é titular diario, e iso xera reacción entre as sociedades occidentais).
Naquel momento, a imaxe que se deu de Haití foi a dun país sumido no caos, violento, salvaxe, o de vítimas sen dignidade, mentres se amosaban os bombeiros e ONG occidentais como heroes. Unha visión paternalista e moi nesgada da realidade.
O problema non é só que agora se invisibilice (que tes razón, só falan de Haití nos aniversarios, ou alguén viu nas noticias que recentemente houbo eleccións presidenciais en Haití?) senón que cando se fala do país faise desde unha perspectiva de superioridade e paternalista.
O proxecto 'Haití, os outros terremotos', nace diso, de querer comprender e poder explicar a complexidade dun país como Haití ante o simplismo dos medios de comunicación. Por iso estou tamén preparando unha exposición fotográfica. Aquí un aperitivo.
Creo que é importante non só que "se fale" dos países empobrecidos, senón que se expliquen os porqués, os como, os quen… Ese contexto que nos axudará a entender mellor a situación e mesmo a canalizar mellor nosa vontade de axudar, de ser solidarias.
Neste sentido recoméndovos moitísimo unha nova revista que saíu recentemente, 5W. Céntrase, precisamente, na importancia do contexto cando falamos dunha crise humanitaria, dun conflito, ou simplemente dun país esquecido.
Mirade o que escribían desde Veterinarios sen Fronteiras (con moita experiencia de traballo en Haití con organizacións locais) xusto despois do terremoto sobre o tema do papel dos medios:
"A imaxe que nos envían os medios de comunicación de masas pasou de ser a do horror, despois os mortos nas rúas, e máis mortos nas rúas (imaxes que vulneran o máis mínimo código deontolóxico), a ser a da desorde e o descontrol, o caos, a pillaxe, os saqueos e a violencia. A proxección visual dun salvaxismo inherente ao pobo haitiano parece formar parte da liña editorial destes medios. Estas frases non pasarían de ser unha reflexión sen maior importancia, se non fose porque evidentemente a comunicación non é unha ferramenta baladí. É clave para macerar as conciencias colectivas e, unha vez preparadas, atravesalas metalicamente con actos que, de entrada, pareceríannos inxustificables. Como, por exemplo, a invasión militar. Ante a "negritude" descontrolada, incivilizada, irracional, inculta e perigosa, a sabedoría, a altura moral, a orde, o control, a civilización milenaria e no seu estado máis puro das xentes occidentais máis ou menos brancas. De feito agora as imaxes son as duns marines que saben impoñer a orde na entrega de axuda, que son obedecidos de maneira cortés e cando alguén se tenta amotinar algún refacho ao aire. Os xornalistas aválano. A pesar de quen lle pese son os únicos capaces e dispostos a facer isto, e acto seguido, "cortesmente", os militares convidan á prensa internacional a marcharse do aeroporto. As imaxes e o ton informativo non son nunca neutros".
10. Que de certo hai nas informacións que din que a MINUSTAH está detrás do incremento de violacións de dereitos humanos en Haití e do incremento dos abusos ás mulleres en Haití? Suponse que forman parte da ONU….
É algo escandaloso. Todas as organizacións coas que falei (haitianas todas) mostraron rexeitamento á presenza dos cascos azuis de Nacións Unidas, a MINUSTAH, en Haití, e a razón principal é precisamente a constante violación de dereitos e a represión que exercen no país.
Falando con organizacións de mulleres contábanme que non cesaba de crecer o número de denuncias de violacións e abusos sobre mulleres, sobre todo, mozas novas e nenas, moitas delas exercendo a prostitución a cambio duns zapatos ou algo para comer. Pensade que os soldados de Nacións Unidas teñen prohibida esta práctica cando están noutro país.
Houbo un caso de catro soldados uruguaios que participaron nunha violación múltiple dun mozo fai dous ou tres anos. O caso foi tan grave que supuxo o inicio do fin da presenza de tropas de Uruguai en Haití (este ano retiráronse xa).
Acusóuselles de disparar lume real en manifestacións (hai imaxes diso), de causar mortes civís nas súas operacións contra a droga nos barrios, de abuso de autoridade… A lista é interminable.
O caso máis notorio é a falta de asunción de responsabilidade no inicio da epidemia de cólera de 2010, que matou xa a máis de 9.000 persoas no país, con case 800.000 afectadas. Unha epidemia que todos os expertos coinciden orixinouse nun dos destacamentos da MINUSTAH. Nacións Unidas, a pesar de recoñecer este feito, negou calquera indemnización ás vítimas, argumentando que gozan de impunidade no país.
É realmente escandaloso o tema da presenza de soldados estranxeiros en Haití, xerando máis violencia da que din previr, cos casos de violacións de dereitos humanos que se demostraron.
Existe unha plataforma latinoamericana contra a presenza da MINUSTAH en Haití, por se queredes seguila: Haití NON Minustah. E aquí un artigo que escribín en 2010 (estou a actualizalo para o libro) sobre o tema.
Twitter: @ifresnillo
Blog de Iolanda Fresnillo con artigos e textos sobre débedas e outros temas
Liga o sorteo dende a túa web:
Sorteo #EncontroFresnillo
Resultado do Sorteo
Un exemplar da revista Tempo Exterior do Igadi: Carlos Iglesias