Estudantes de Noia gañan a fase estatal do concurso de vídeos sobre cambio climático

Estudantes de Noia gañan a fase estatal do concurso de vídeos sobre cambio climático

Estudantes de Noia gañan a fase estatal do concurso de vídeos sobre cambio climático 2048 2048 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Un grupo de alumnas do Colexio Maria Assumpta (Noia) vén de gañar a fase estatal do certame audiovisual #PeopleOfTheFuture, que busca promover estilos de vida sostibles entre a xente nova. As estudantes Claudia García, Lucía Maceira, Zaisyah Pérez e Paloma Vázquez son as autoras da peza ‘Os 3R poden salvar a Terra’, que agora precisa o máximo número de reproducións para vencer a nivel internacional, onde compiten con mocidade doutros sete países da UE e de Cabo Verde. O vídeo pode verse na canle de Youtube ‘Water of the future’: https://youtu.be/X0Ns496-UOk.

O concurso está organizado no marco do proxecto europeo People & Planet, no que participa o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, asociación de administracións locais da que forma parte o Concello de Noia. As estudantes de 4º da ESO realizaron o seu vídeo dentro dunha campaña contra o cambio climático e coidado do planeta impulsada desde a materia de Bioloxía, que imparte a profesora Mónica González, na que tamén elaboraron murais, dípticos, etc. para promover a reutilización e o cambio de hábitos.

O xurado estatal estivo integrado pola xornalista Natalia Puga, especialista en comunicación para o desenvolvemento; a activista Ana Díaz, membro de Ecoloxistas en Acción, e mais o técnico de Mocidade Jaime Bello, do Concello de Boiro. Valorouse tanto a creatividade como a claridade técnica e expositiva, así como o pensamento crítico e o compromiso amosados. O premio consistía nun ecopack de produtos e actividades na natureza, mentres que agora as vencedoras teñen a posibilidade de obter unha praza para un campus internacional en Lisboa. Neste caso, para decidir o mellor vídeo constituirase un novo tribunal, pero tamén terán un peso importante as visualizacións colleitadas antes deste venres ás 14 horas.

Axiña se lanzará ademais a segunda edición do certame #PeopleOfTheFuture, polo que a xente nova de entre 15 e 35 anos pode ir elaborando as súas cápsulas audiovisuais para promover a xustiza social e climática. Basta con gravar un breve vídeo, no que a persoa identifique un problema local ou global e explique o que xa fai ou pode facer ao respecto, dado que os grandes cambios comezan con pequenos xestos.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información