Mellorar a calidade de vida dos residentes do centro histórico de Santiago de Cuba foi o propósito deste programa, a través do que se favoreceron as condicións de habitabilidade en 78 vivendas. O Plan de Revitalización do Centro Histórico de Santiago de Cuba, apoiado polo Fondo Galego, tivo como un dos seus obxectivos elevar a calidade de vida da súa poboación, recuperando paulatinamente todas as edificacións. O presente proxecto apoiou a reconstrución de vivendas que datan fundamentalmente das etapas colonial e republicana, e nas que se fixo necesaria unha intervención inmediata para mellorar a situación das e dos moradores. Concretamente, actuouse na rehabilitación de cubertas e recuperación de baños, cociñas e instalación eléctrica.