Aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos

Aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos

Aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos 1199 799 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A reflexión común tería que comezar tomando conciencia da cantidade de veces que estas liñas foron ignoradas desde a súa creación: A guerra de Vietnam, Afganistán, Iraq; as torturas en Abu Ghraib e Guantánamo; os conflitos de intereses creados polos Estados Unidos en América Latina; os Balcáns, Ruanda, Libia, Marrocos; o apartheid en Sudáfrica; a opresión sistemática ao pobo palestino… e co paso do tempo, semella que a actitude conciliadora das grandes potencias brilla pola súa ausencia. Non hai máis que analizar, neste último caso en Palestina, a decisión de Trump de obviar as recomendacións internacionais e recoñecer oficialmente Xerusalén como capital do estado de Israel, nun acto de provocación sen precedentes que alimenta unha situación de masacre por parte do estado de Israel a millóns de palestinos e palestinas.


Tamén nos nosos días estamos a vivir a meirande crise de persoas refuxiadas desde a II Guerra Mundial, e dous anos despois da mediática morte do pequeno Aylan Kurdi na praia turca de Bodrum, Europa segue cos ollos pechados, levantando muros. E morre xente afogada nas augas do Mediterráneo, persoas que percorren milleiros de quilómetros para fuxir das bombas que outros tiran nos seus fogares, en Siria. E continúan en pé máis muros da vergoña no Sáhara e en Gaza… Mesmo en España temos quilómetros de aramadas con concertinas.

Todos estes son exemplos de episodios de fracaso do ser humano na consecución dos principios da Declaración que a ONU quere conmemorar. É incrible que en pleno século XXI, con toda a tecnoloxía que temos ao noso alcance, teñamos que seguir falando do incumprimento dos Dereitos Humanos en cada vez máis rexións do planeta. O panorama é desolador. Pero aínda con todo o negativo, desde institucións locais como o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, traballamos con afouteza para o cambio. Comezando desde o local.

O Fondo xa está a promover, dende hai 20 anos, máis de 150 proxectos en preto de 30 países, como Cabo Verde, Nicaragua, Cuba ou Perú. Traballando pola igualdade, a educación, a sanidade, o acceso á auga e ao saneamento, a vivenda… Os 91 concellos e tres deputacións que conforman o Fondo están a demostrar que, a través do traballo conxunto, os Dereitos Humanos son máis que dúas verbas escritas nun papel demasiado antigo. E que desde o local, pódense plantar as sementes da cooperación internacional e a solidariedade. Sementes que agromen nas novas xeracións, protagonistas últimos do futuro. É imprescindible, pois, educar nestes valores.

Por todo isto, hai que comprender que a revolución comeza nun mesmo. E no que cada un de nós, como individuos que formamos parte dunha sociedade de sociedades, aportamos para mellorar o mundo. Con cada xesto orientado á cooperación para o desenvolvemento por parte de pequenos Concellos e outras institucións locais, das ONGD, ou das institucións educativas, o cambio faise real. A partir do local, e neste momento crucial para a humanidade, é necesario o pulo conxunto que inste aos Gobernos estatais a implicarse completamente nesta causa. E desde a política, temos a obriga de traballar por estes obxectivos. Non ten sentido seguir levantando muros inútiles nunha existencia que, antes ou despois, iguálanos a todos.

Marga Figueroa
Concelleira en Oleiros e vogal do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

*Artigo de opinión publicado en La Opinión con motivo do Día Internacional dos Dereitos Humanos

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información