A Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade resolverá o vindeiro martes, 12 de decembro, a convocatoria de subvencións para ONGD con sede ou delegación en Galicia. A xuntanza terá lugar nas oficinas da Fegamp (Área Central, Rúa Varsovia, 4C, 6ª planta), en Santiago de Compostela, ás 10.30 horas en primeira convocatoria e ás 11 horas en segunda, e nela están chamados a participar as e os representantes políticos en cada un dos 91 concellos e as tres deputacións socias.
Dezaseis ONGD presentaron un total de 17 proxectos á convocatoria aberta polo Fondo Galego neste ano 2017. Trece das iniciativas sitúanse en Latinoamérica, dúas en África e unha en Asia. Os eidos de actuación nos que se encadran son principalmente abastecemento de auga e saneamento, desenvolvemento rural e educación, seguidos do dereito á comunicación, saúde, loita contra a violencia de xénero, apoio a institucións de mulleres, Dereitos Humanos, participación no desenvolvemento rural, xestión do recurso hídrico e mais xeración e subministro de enerxía.
Tras a avaliación técnica, a Comisión Executiva do Fondo Galego leva agora a súa proposta de resolución á Asemblea, na que se informará ademais sobre os proxectos de cooperación ao desenvolvemento e axuda de emerxencia executados en 2017. Para este último punto contaremos coa presenza da responsable de Proxectos de Acnur, Karmele Sáez, que explicará como o Fondo Galego contribuíu a combater a vaga de frío siberiano que o pasado inverno afectou ás persoas refuxiadas, financiando a compra de roupa, mantas e estufas para solicitantes de asilo acollidos en centros serbios. Por outra parte, o Fondo Galego colaborou tamén na adquisición de alimentos para a poboación refuxiada saharauí nos campamentos de Tinduf, axuda humanitaria canalizada a través da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e da Media Lúa Vermella.
En canto aos proxectos de cooperación para o desenvolvemento, en Mozambique púxose en canda a Fundação Encontro unha intervención co deporte como ferramenta para previr doenzas e adiccións entre a mocidade. Tamén se está a traballar co municipio de Nhamayábue para garantir o acceso á auga abrindo catro pozos para que a poboación non teña que percorrer o río a causa da seca, evitando así os ataques dos crocodilos e hipopótamos que o habitan e que xa provocaron varias mortes.
Polo demais, na Asemblea Xeral exporase tamén o informe de situación do Fondo Galego e ratificaranse as altas e baixas no presente exercicio, no que a entidade emprendeu un plan de captación de socios con motivo do seu vixésimo aniversario. Despedirase así ao Concello de Fornelos de Montes e daráselle oficialmente a benvida a Monfero, Alfoz, A Pastoriza, Miño e á Deputación de Pontevedra.