Amigos ESCAES Perú promove a alfabetización e a boa alimentación co apoio do Fondo Galego

Amigos ESCAES Perú promove a alfabetización e a boa alimentación co apoio do Fondo Galego

Amigos ESCAES Perú promove a alfabetización e a boa alimentación co apoio do Fondo Galego 1000 750 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A ONGD Amigos ESCAES Perú e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade promoveron a alfabetización e unha correcta alimentación en nove comunidades rurais da provincia de Ayabaca, departamento de Piura. A iniciativa desenvolvida durante os últimos doce meses no país andino con familias en situación de pobreza extrema recibira 35.000 euros da asociación de Concellos e Deputacións na convocatoria de proxectos de 2010.

O traballo distribuíuse en varias frontes. Dunha banda, impartíronse clases de alfabetización a 180 persoas, das que o 70% eran mulleres, empregando a metodoloxía Reflect, que propón a elaboración dos materiais de estudo baseándose na realidade local. As propias familias axudaron a instalar 180 cociñas melloradas que permitiron reducir un 60% o consumo de leña.

Deste xeito, non só se contribuíu á protección do medio ambiente, senón tamén á redución de problemas de saúde como infeccións respiratorias, conxuntivite, dores de costas nas donas e queimaduras nas cativas e cativos. As mulleres dispoñen asemade de máis tempo para dedicar a outras actividades, o que incide no seu empoderamento.

No marco do proxecto, orzamentado nun total de 53.458 euros, creáronse tamén nove hortas comunitarias e outros tantos módulos para a cría de cuyes, os coellos da zona. Estas medidas permitiron reducir as taxas de desnutrición e mellorar o nivel económico das persoas beneficiarias, coa comercialización dos excedentes, pero tamén posibilitaron o desenvolvemento de capacidades coma o cálculo, a xestión ou a comunicación. Ao mesmo tempo, os excrementos dos coellos empréganse como abono orgánico para as hortalizas e para os pastos sementados para alimentar os propios cuyes.
 

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información