O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade renova a Comisión Executiva

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade renova a Comisión Executiva

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade renova a Comisión Executiva 1000 704 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

– A nova presidenta aposta pola solidariedade internacional das Administracións locais galegas, sumando esforzos a través do Fondo Galego.

– Alfredo Novoa presidiu a entidade durante os últimos 14 anos, nos que todas as decisións se tomaron por unanimidade.

A Asemblea Xeral de socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade renovou esta mañá por unanimidade a Comisión Executiva, que nos próximos catro anos vai estar presidida por Teresa París  (PP),  representante do Concello de Redondela. A vicepresidenta será Isaura Abelairas (PSdeG-PSOE), do Concello de Vigo, mentres que a tesoureira vai ser Pilar Gallego (BNG), do Concello de Allariz. A Secretaría continuará correndo ao cargo do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), que impulsou a creación da asociación en 1997.

O órgano de goberno e administración do Fondo Galego, que se renova despois de cada convocatoria de eleccións locais, conta tamén con cinco vogalías. Nelas estarán María Jesús González Roel, polo Concello de Cambre (PP); José Luis Quintela, polo Concello da Coruña (PP); Isabel Rodríguez polo Concello de Viveiro (PSdeG-PSOE); Antonio Veiga pola Deputación de Lugo (BNG) e Ángel García Seoane polo Concello de Oleiros (Alternativa dos Veciños). A composición da nova Executiva foi proposta pola Comisión saínte, tendo en conta a actual configuración partidaria das entidades locais galegas.

Alfredo Novoa, presidente do Fondo Galego desde 1997 ata hoxe, agradeceu ás compañeiras e compañeiros o traballo feito durante estes 14 anos, nos que todas as decisións se tomaron por consenso, pondo de lado diferenzas partidarias ou doutra índole. “Sempre houbo unha posición construtiva por parte de todos os socios que permitiu debater ata acadar consensos, pois a cooperación non ten siglas”, apuntou.

Tras recibir un agasallo da mans do director do IGADI, Xulio Ríos, Novoa desexoulle á nova presidenta “sorte e ánimo” para seguir apoiando aos países empobrecidos. Teresa París, pola súa banda, coincidiu na súa intención de traballar desde o consenso, sumando esforzos para atinxir unha cooperación máis eficaz e eficiente, sen perder nunca de vista o obxectivos principal: mellorar as condicións de vida das persoas dos países do Sur.
 

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información